Vigo e o Nadal, escenarios do último filme de Juan Pinzás que se estrea mañá no cine Tamberlick
O concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, e o cineasta Juan Pinzás, nomeado “Vigués Distinguido” en 2002, presentaron esta mañá a última creación do director “Os ollos de Europa”, que se estreará mañá no cinema Tamberlick. Rodada en Vigo, Santiago de Compostela e Madrid, a película protagonizada pola actriz Isabel de Toro, incorpora a iluminación de Nadal “porque o necesitaba”, segundo explicou o director de cinema.
O concelleiro de Cultura animou hoxe á cidadanía de Vigo a asistir á estrea da última película dirixida polo vigués Juan Pinzás, “Os ollos de Europa”, que prolonga a traxectoria creativa dun director de cinema interesado en provocar a reflexión entre os espectadores coas súas obras. “É fundamental que convidemos a reflexionar e pensar aos espectadores de cinema, teatro ou obras de arte, a que se fagan preguntas”, afirmou o edil tras felicitar ao cineasta polas súas once longametraxes e expresarlle o seu desexo de que a nova película “sexa un éxito” e cumpra co obxectivo marcado por Pinzás de que o público reflexione e abra interrogantes sobre as cuestións que expón a película.
Gorka Gómez, tras destacar o carácter de “embaixador” de Vigo de Juan Pinzás, apuntou que o protagonismo da cidade como plató de cinema de importantes producións cinematográficas súmase ás iniciativas desenvolvidas polo goberno local, como o Nadal, que contribúe a poñer á cidade no mapa.
Juan Pinzás explicou que na película que estrea mañá, coa que pecha a triloxía sobre Europa, Vigo e o Nadal, teñen un peso específico. Coa actriz Isabel de Toro, protagonista do filme, incidiu en que a súa nova produción prima o artístico sobre o comercial porque ten como obxectivo que o público reflexione, observe, pense e se deixe levar polo universo onírico do cineasta.
O director apuntou que a película está dedicada a Buñuel, a quen coñeceu personalmente en Madrid, porque lle recomendou facer “o cinema que sinta” e non só o que xera o interese entre o gran público.