O Halo recibe dous novos premios e achégase aos 2 millóns de viaxes anuais
O alcalde informou este mércores da concesión do premio Architecture Masterprize na categoría Transportation e o recoñecemento como “mellor proxecto innovador” nos XV premios Porcelanosa.
Abel Caballero celebrou a chegada de dous novos recoñecementos ao Halo que “segue chamando a atención do mundo pola beleza, a tecnoloxía e o que significa” na cidade e avanzou que o nivel de utilización cidadá “empeza a achegarse aos dous millóns de viaxes anuais”.
O rexedor deu conta dos premios que vén de recibir o ascensor que comunica a zona de García Barbón e Areal coa parte alta da cidade á altura de Vía Norte. En primeiro lugar, “un premio excepcional: o Architecture Masterprize, best of best, na categoría Transportation que o Concello recollerá no museo Guggenheim de Bilbao o vindeiro 18 de novembro”.
O segundo recoñecemento é como “Mellor Proxecto Innovador” nos XV premios Porcelanosa no que o xurado destaca “o exquisito nivel artístico e arquitectónico do Halo”.
Anteriormente, o ascensor do programa municipal “Vigo Vertical” fora recoñecido co galardón LOOP Design Awards na categoría de “Arquitectura non construída”, elixido entre 650 propostas de 50 países diferentes do mundo e, no ano 2022, o proxecto do ascensor foi galardoado na Semana Española da Mobilidade Sostible organizada polos ministerios de Transportes e Transición Ecolóxica.