Escoitar

Os orzamentos de 2025 "van ter investimentos como nunca tivo Vigo para transformar toda a cidade"

Os orzamentos municipais de 2025 elaborados polo goberno municipal van ter investimentos “como nunca tivo Vigo para atender a todas as necesidades e para transformar a todas as parroquias e rúas da cidade”. Así o explicou este luns o concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros, ao explicar ao Pleno da Corporación as liñas xerais das novas contas e responsabilizar ao PP da mingua da capacidade de gasto da cidade en 16 millóns de euros.

luns, 30 set 2024

Jaime Aneiros, tras destacar que o orzamento de 2025 será o número 18 aprobado consecutivamente polo executivo de Caballero, apuntou que garantirá todos os servizos públicos fundamentais, “que son os mellor valorados, porque institucións como a OCU sitúan a Vigo como a mellor cidade para vivir”.

O edil sinalou que as contas do ano que vén afrontan dúas eivas: os 16 millóns menos de capacidade orzamentaria pola posición do PP sobre a regra de gasto, e a falta de investimentos da Xunta en Vigo “porque os seus orzamentos non prevén ingresos complementarios para a cidade”. A isto hai que sumar a subida “estratosférica e descomunal” que Sogama e a Xunta aplican ao cánon de tratamento de residuos na planta de Cerceda, pola que se pasará de abonar 61 euros por tonelada en 2023 a 118 en 2025.

Aneiros recalcou que as contas municipais de 2025 contemplan a evolución do contrato do servizo de axuda no fogar, así como o novo contrato de apertura e peche dos colexios públicos, o mantemento das infraestruturas mecánicas nas rúas do Vigo Vertical, o contrato da limpeza ou as novas licitacións das escolas infantís, avanzou o edil de Economía. “Facemos fronte a todos os contratos e a todos os servizos públicos e a investimentos de elevada contía como nunca tivo esta cidade”.

O concelleiro recordou que Vigo é a cidade galega co maior nivel de execución orzamentaria. “Executa máis ca todas as grandes cidades de Galicia xuntas”, recalcou.

Ordenanzas fiscais

O Pleno municipal aprobou hoxe, cos votos a favor do grupo municipal socialista e a oposición do PP e do BNG, as ordenanzas fiscais de 2025 que conlevan unha actualización do 4 por cento dos tipos dos principais impostos e o mantemento das bonificacións por 10 millóns de euros. “Trátase de adecuar as contías á nova realidade de 2025 e mellorar o nivel de prestación de servizos”, afirmou Aneiros.

O edil de Orzamentos e Facenda recalcou que Vigo, con débeda cero, atópase entre as grandes cidades con menor carga impositiva local, por baixo de Madrid, Bilbao, Málaga, Valladolid ou Alacante. “Trasladamos todos os recursos á cidadanía”, indicou Aneiros ao lembrar que o desembolso medio dun vigués é de 531 euros fronte aos 1009 euros que recibe en servizos.

Aneiros instou ao grupo municipal do PP a explicar a súa proposta de recortar en 50 millóns e a sinalar onde se producirían os recortes que conlevan a súa iniciativa. “Recortarán en Política Social, en bolsas de comedor, de inglés?” , interrogou.

O responsable de Facenda incidiu en que a formulación do goberno de Caballero é “seguir desenvolvendo a cidade e actualizando os custos tendo en conta todas as necesidades de Vigo”. Apostilou que “imos dotar de recursos á cidade para facer fronte aos compromisos de gastos e para ayuda en política social, a maior que fai un concello deste país, e transformando todas e cada unha das partes da cidade”.

Horas extraordinarias do persoal municipal

A Corporación aprobou por unanimidade a nova fórmula de cálculo a aplicar para o pago das horas extraordinarias de todo o persoal municipal, tanto funcionarios como laborais, que foi acordada con todos os sindicatos e que se aplicará desde xaneiro de 2024.

A concelleira de Xestión Municipal, Patricia Rodríguez, explicou que se aprobou unha “proposta proporcional que garante unha aplicación obxectiva e eficaz” para a totalidade do persoal municipal.

Rodríguez recalcou que a oferta de emprego público de 2020, 2021 e 2022 xa está en marcha, co que o ano que o Concello estará ao día.

Descargar todas as imaxes