Escoitar

O servizo nocturno de bus urbano funcionará todo o mes de outubro

Caballero deu a coñecer os datos deste servizo que comezou no mes de xuño e que suma case 40.000 viaxes desde a súa posta en funcionamento. "É un éxito extraordinario", expresou.

luns, 30 set 2024

O Concello ampliará o servizo de bus urbano nocturno todo o mes de outubro. O alcalde deu conta das viaxes neste servizo que comezou a operar no mes de xuño e que cualificou de "extraordinarias". Un total de 38.677 viaxeiros e viaxeiras movéronose por Vigo co bus urbano nocturno os venres, sábados e vésperas de festivo desde a súa posta en marcha. 

A boa acollida do servizo durante este último mes favorece a ampliación durante todo o mes de outubro. Deste xeito, poderemos contar cun estudo da demanda real da mobilidade urbana nun período marcado pola volta ás rutinas habituais de centros de estudos, traballo e universidade.

As liñas nocturnas foron un gran reclamo ao longo do verán e tamén do mes de setembro, xa que dende o pasado 14 de xuño, o servizo mobilizou a un total de 38.677 pasaxeiros/as. Os datos amosan que os venres son os días con maior afluencia, cun 30% máis de usuarios que os sábados.

Liñas e frecuencias

A C1 Nocturna continuará funcionando en outubro no mesmo horario, dende as 22.50 ás 05.15 horas, cunha frecuencia de 30 minutos, facendo o seu percorrido habitual. Desta forma, os venres, sábados e vésperas de festivos a liña C1 ofrecerá un servizo ininterrompido durante as 24 horas, a primeira vez que a cidade conta con este tipo de servizo.

A liña N4 continuará funcionando dende ás 23.35 ás 06.03 horas cubrindo a demanda de novas zonas que non contaban con servizo nocturno ata este verán como Navia, Balaidos, Martínez Garrido ou Gregorio Espino.

Pola súa parte, a liña N1 seguirá ofrecendo o seu servizo habitual de domingo a xoves de 23:00h a 03:49h e venres, sábado e vésperas de festivo de 22:50h a 06:31h.

 

 

Descargar todas as imaxes