Escoitar

O alcalde denuncia a suba “intolerable” da taxa de recollida de residuos que quere aplicar a Xunta en Vigo

Abel Caballero expuxo este martes o seu rexeitamento á intención do goberno autonómico de subir o prezo da recollida dos residuos sólidos na cidade e de retirar a bonificación que aplicaba polo fomento da recollida selectiva.

martes, 23 xul 2024

“Xa está ben de vir a Vigo a coller recursos, poñer taxas, canons e impostos que dedica a outros lugares de Galicia”, censurou o rexedor ao explicar as subas “intolerables” que a Xunta de Galicia quere aplicar na xestión dos residuos.

En primeiro lugar, Caballero explicou que o goberno autonómico quere incrementar o custo da recollida dos residuos sólidos na cidade cunha suba “fortísima” do canon específico que o Concello paga a Sogama. En segundo lugar, apuntou que a Xunta subvencionaba ata agora con 6 millóns de euros, con fondos do Goberno de España, a recollida dos residuos sólidos para favorecer e potenciar a recollida selectiva, unha medida “que nos viña ben pero vai retirar esa bonificación”.

Por tanto, resumiu o alcalde, “imos ter unha subida importantísima de preto de 2 millóns de euros anuais do canon que nos cobra Sogama e unha suba de 6 millóns polo que deixa de subvencionar con recursos que recibe do Goberno de España. Unha suba intolerable que a Xunta de Galicia quere cargar sobre os recibos da cidadanía de Vigo”.

Abel Caballero manifestou a “nosa oposición total. Que todo Vigo saiba que a Xunta está impoñendo unha carga na recollida de residuos sólidos intolerable”.

Descargar todas as imaxes