Escoitar

O goberno local aprobará en Xunta de Goberno a adxudicación do Vigo en Inglés para os anos 2024 e 2025

Abel Caballero explicou que a adxudicación terá “un custe de practicamente 3 millóns de euros por ano”, sinalando que “o custe da beca por alumno é de 3.235€” para cada unha das 925 becas. Destacou que “este proxecto só o ten Vigo en toda España”.

mércores, 15 mai 2024

O vindeiro luns, 20 de maio, a Xunta de Goberno Local aprobará a adxudicación de servizos da xestión, organización e desenvolvemento do programa municipal de inmersión lingüística do Vigo en Inglés para os anos 2024 e 2025. O rexedor indicou que o custe será de 2.999.775€ por cada un dos anos, o que fai que cada unha das 925 prazas, conte cunha “beca por alumno de 3.235€”.

Caballero tamén indicou que coa nova adxudicación “contará con algunhas melloras con respecto a outros anos”. Por exemplo, o aumento de monitores, “pasando de 47 a 55” o que provoca “a diminución do ratio de alumnos por minitor, que serán 16”. Tamén se incrementa en 10 horas de duración do curso específico de mellora e perfeccionamento lingua inglesa, establecendo 20 horas en total, podendo realizar a maiores un curso online de ata 85 horas.

Subvencións para eventos deportivos

O BOP publica a convocatoria de subvencións para a organización de eventos deportivos na cidade no ano 2024. “As entidades deportivas xa teñen unha asignación para o seu funcionamento e sumamos 100.000 euros máis con esta nova acción”, dixo o rexedor.

Para Caballero “isto permite traer a Vigo proxectos deportivos e poñer en valor o deporte na cidade”. As axudas se outorgarán en réxime de concorrencia competitiva.

 

 

 

Descargar todas as imaxes