Escoitar

O goberno municipal aproba a convocatoria de becas de comedor, libros e material por 1.427.700 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases e a convocatoria das bolsas de comedor, libros e material escolar para o curso 2024-2025. As axudas ascenden a 1.427.700 euros, segundo explicou este venres o alcalde ao lembrar que a esta cantidade hai que sumar os 600.000 euros que recibe Foanpas.

venres, 3 mai 2024

Abel Caballero avanzou que o goberno local aprobou hoxe a convocatoria para o alumnado dos colexios públicos e concertados do segundo ciclo de educación Infantil, de 3 a 6 anos, Primaria e Secundaria.

O alcalde apuntou que se destinarán 1.292.700 euros para as axudas de comedor e 135.000 euros para material escolar e libros, co que o importe total ascende a 1.427.700 euros. Recalcou que cos 600.000 que reciben Foanpas, o Concello destina 2.028.000 euros a estas bolsas.

O rexedor lembrou que o Concello de Vigo é o único de España que desconta o pago de alugueiros e hipotecas ao cómputo da renda “para que máis persoas poidan estar na marxe de poder solicitar as bolsas de comedor”.

“Somos o único concello que garante todas as bolsas de comedor que as familias soliciten. En Vigo ninguén queda en lista de espera para bolsas de comedor”, defendeu o rexedor tras lembrar que cando accedeu á alcaldía as esperas afectaban a 1.000 nenos.

O Concello concedeu preto de 4.000 bolsas de comedor na convocatoria en vigor cunha dotación de 45 euros por beneficiario ao mes, segundo destacou Caballero ao lembrar que tamén no presente curso se concederon 23.228 bolsas de libros, que engadidas ás máis de 21.000 do anterior, suman en dous anos preto de 10 millóns de euros de subvencións municipais para axudar ás familias a comprar os libros de texto escolares.

Rede de abastecemento

A Xunta de Goberno Local deu luz verde nesta sesión ao proxecto de implantación do plan de actuacións para minimizar as perdas na rede de abastecemento que inclúe a instalación de caudalímetros en infraestruturas da rede (estación de bombeo, depósitos…), a xestión activa de presións na rede e melloras na sectorización da rede de abastecemento para obter un mellor control dos volumes que circulan pola rede e anticipar a detección de fugas.

Abel Caballero apuntou que a rede de abastecemento de Vigo conta na actualidade con 1.028 quilómetros de lonxitude “case a distancia de Vigo a Barcelona” polo que atendemos unha rede “certamente excepcional e faise con calidade, xa que case non ten perdas pero queremos estar moi atentos”.

 

Descargar todas as imaxes