Escoitar

O vigués Sen Senra actuará en Castrelos o 25 de xullo

Abel Caballero desvelou hoxe unha nova cita da programación de concertos de verán do "Vigo en Festas", catalogando o concerto de “excepcional”, ao ser o artista galego “un referente da música urbana”.

venres, 3 mai 2024

Sen Senra sobe ao escenario do auditorio natural de Castrelos, o vindeiro xoves 25 de xullo. O artista vigués ofrecerá ao público da súa cidade o seu último traballo discográfico “PO2054AZ”, o máis ambicioso ata o momento, e que leva o nome dunha “matrícula dun coche da provincia de Pontevedra, en suma, de Vigo”.

Nacido en Forcarei e criado en Vigo, Sen Senra é un dos músicos galegos de maior proxección na actualidade. Converteuse nun referente da música urbana, que logra atrapar á audiencia con mesturas de trap, trip-hop, electrónica, e moita influencia do pop.

Nos últimos anos realizou colaboracións con artistas da relevancia de C Tangana, o cantante colombiano Feid ou Novidades Carminha. O ano pasado estivo nomeado nos Latin Grammys ao Mellor Videoclip por “No quiero ser un cantante”.

A de Sen Senra é a cuarta actuación confirmado para este verán:

  • Dani Fernández (13 de xullo)
  • Sen Senra (25 de xullo)
  • Víctor Manuel (14 de agosto)
  • Melendi (17 de agosto)
Descargar todas as imaxes