Vigo, pendente informe de Patrimonio da Xunta para comezar a remodelación da Avenida de Madrid
O goberno municipal vén de recibir o informe positivo de Augas de Galicia autorizando as obras de remodelación da vía e pide “celeridade á Xunta” na tramitación do permiso autonómico.

Abel Caballero informou este mércores da recepción no Concello do informe de Augas de Galicia que autoriza as obras de remodelación da Avenida de Madrid, quedando pendente a autorización de Patrimonio da Xunta, ambos preceptivos para poder iniciar a obra, polo que o proceso de remodelación “segue detido”.
En calquera caso, recalca o rexedor, o goberno de Vigo seguirá dando pasos para poder avanzar na tramitación “e non atrasar a obra como consecuencia da inacción da Xunta de Galicia”. Así vai reunirse a comisión técnica entre Concello e Ministerio de Transportes para a conformidade técnica do proxecto e, posteriormente será levada á Xunta de Goberno, pendentes da incorporación da autorización autonómica cando esta se produza.
Neste sentido, Caballero pediu “celeridade á Xunta” na concesión do visto bo ao proxecto que se solicitou hai máis dun mes e apuntou que a “Avenida de Madrid é imparable”.