Escoitar

Travesía de Vigo e Aragón xa se comunican por un corredor mecánico que salva 17 metros de altura

O alcalde participou esta mañá na inauguración do novo corredor do programa “Vigo Vertical” que inclúe un ascensor e unha rampla mecánica e no que se investiron máis de 1,5 millóns de euros, unha parte financiados con fondos Next Generation.

mércores, 24 abr 2024
Momento da posta en marcha da rampla mecánica este mércores
Momento da posta en marcha da rampla mecánica este mércores

“É unha comunicación extraordinaria; é a modernidade, a forma de facer que as dúas rúas formen parte de un continuo no que desaparecen as diferencias de altura”, explicou Abel Caballero logo da posta en funcionamento do novo corredor mecánico de ascensor e rampla mecánica que une as rúas Travesía de Vigo e Aragón salvando unha altura de 17 metros.

Un ascensor con capacidade para 13 persoas sobe desde Travesía de Vigo, á altura do número 209, ata a praza da rúa Aragón, detrás da Igrexa de Santo Cura de Ars salvando un desnivel de case 10 metros de altura. Desde a praza sae a rampla mecánica de 35 metros de lonxitude que conecta coa rúa Aragón e e libra un desnivel de 5,5 metros de alto.

O goberno municipal dedicou 1.592.000 euros a este corredor mecánico dos que 1.190.000 euros proceden de fondos Next Generation da Unión Europea.

A actuación incluíu a urbanización de 1.800 metros cadrados coa renovación do saneamento, pluviais e abastecemento, pavimentación, xardinería e mobiliario, con especial atención ás zonas das beirarrúas, mellorando a eficiencia enerxética da iluminación pública e actualizando e modernizando o trazado viario existente.

Amais a obra contou coa colaboración do recoñecido POWONE, que achega un punto artístico a esta actuación do programa Vigo Vertical.

Momento da posta en marcha da rampla mecánica este mércores
Descargar todas as imaxes