O Concello inicia a instalación da ponte sobre a fervenza da Cova da Serpe no Lagares
O alcalde informou este mércores da evolución dos traballos para completar a senda do río Lagares, que cando remate o tramo que está en execución nestes momentos, sumará case 11,5 quilómetros de percorrido desde Manuel Álvarez ata Samil.

O goberno municipal está acometendo as obras para sumar un novo tramo á senda do Lagares, en concreto o que discorre entre Manuel Álvarez e a Avenida de Madrid, que ten 3,21 quilómetros de longo.
Acaba de instalarse a pasarela na contorna da rúa Naia e nestes momentos están colocándose as estruturas metálicas sobre as que irá a ponte de madeira en Cova da Serpe, a fervenza de case 30 metros que fai o río por baixo de Severino Cobas que, a partir de agora segundo apuntou o alcalde, poderá “pasearse e disfrutar”.
O tramo enmárcase nun corredor natural de case 30.000 metros cadrados que se suman á parte da senda xa realizada e que acada case 11,5 quilómetros nos que se plantarán un total de 780 árbores e arbustos novos, 140 delas son de gran porte, carballos e freixos.
“Teremos o paseo do Lagares dispoñible para que a cidadanía goce dunha das zonas máis extraordinarias e descoñecidas da cidade”, sinalou Caballero.


