Caballero celebra a apertura dun "gran parque para toda a cidade" coa primeira fase da mellora do Nelson Mandela de Navia
O alcalde inaugurou este venres, cos concelleiros María Xosé Caride, Nuria Rodríguez e Javier Pardo, a primeira fase da renovación integral que desenvolve o Concello nos 90.000 metros cadrados do parque Nelson Mandela de Navia. Cun importe de licitación de 1,5 millóns, a primeira fase supera todas as “deficiencias e problemas” que detectou o goberno municipal de Vigo tras a entrega pola Xunta de Galicia, e crea un novo espazo de uso e convivencia cidadá, segundo destacou o rexedor.

O alcalde explicou que as obras desenvolvidas nos últimos cinco meses conseguiron que o parque Nelson Mandela de Navia poida ser utilizado e paseado pola veciñanza de todo Vigo.
A reforestación e renaturalización da primeira fase da renovación supuxo a plantación de 211 árbores de gran porte e de 4.300 metros de arbustos, a reparación de 5.000 metros de pavimentos danados, e a instalación de novo mobiliario con mesas dotadas con asentos para o uso da cidadanía, ademais doutras destinadas a xogos. Ademais, abríronse novos carreiros e camiños de conexión coa zona dos edificios. “Isto xa é un gran parque con xardíns, que non adoita ser normal nos parque que coñecemos, porque temos as árbores, os xardíns, os xogos, de modo que vai haber unha gran interacción”, destacou.
O parque Nelson Mandela “é un gran parque para toda a cidade”, recalcou Caballero que anunciou que co inicio da segunda fase “deixaremos Navia completamente terminado”.



