Escoitar

A Corporación aproba por unanimidade o nomeamento das Viguesas e Vigueses Distinguidos 2024

A proposta de concesión das Medallas de ouro da cidade á Policía Nacional no seu bicentenario e ao Hospital Ribera-Povisa recibiu o voto favorable dos grupos socialista e popular e o voto en contra do Bloque Nacionalista Galego.

luns, 25 mar 2024
Momento da votación no Pleno Extraordinario deste luns
Momento da votación no Pleno Extraordinario deste luns

O Pleno Municipal extraordinario celebrado este luns aprobou a concesión das Medallas de Ouro da cidade e o nomeamento das Viguesas e Vigueses Distinguidos deste ano 2024, recoñecementos que se entregarán este martes ás 20 horas no Teatro Afundación.

O Pleno aprobou a concesión das Medallas de Ouro da cidade para o Corpo Nacional de Policía de Vigo que cumpre o seu bicentenario e para o Hospital Ribera Povisa, o centro de referencia para 120.000 persoas da área sanitaria de Vigo con 1.500 traballadores. Votaron a favor o grupo socialista e o grupo popular mentres o BNG rexeitou a proposta.

O nomeamento de Viguesas e Vigueses Distinguidos de 2024 foi aprobado pola unanimidade do Pleno, polo que recibirán o recoñecemento da cidade as seguintes persoas e/ou entidades:

- No ámbito educativo, o IES A Guía, o CEIP Lope de Vega e o Colexio Quiñones de León polos 50 anos de traxectoria na cidade. Ademais, o proxecto musical Son das Flores do Ceip Vicente Risco.

- No ámbito deportivo, o Club Baloncesto Seis do Nadal-Coia singularizado na súa presidenta, Iria Otero; na dirección deportiva, Sergio González; e no seu fundador, Aalí Mohamed. O Celta Atletismo – Real Club Celta de Atletismo e o Club Deportivo Coia tamén recibirán a distinción.

- No ámbito cultural, Emilio Sotelino, in memoriam, será Vigués Distinguido así como a Coral Polifónica do Centro Cultural de Valadares e a Coral Polifónica da Sociedade Cultural Deportiva Atlántida de Matamá, ámbalas dúas con 50 anos de traxectoria. Ademais, será galardoada a escritora e tradutora María Reimóndez Meilán.

- No ámbito asociativo, a cidade recoñecerá o labor da Asociación de Viúvas Demócratas de Vigo.

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes