Vigo insta á Xunta ao apoio á candidatura de Illas Cíes Xeoparque da UNESCO
O grupo socialista reprobou as declaracións da conselleira de Medioambiente, Ánxeles Vázquez, “que denostaba a candidatura das Illas Cíes como Xeoparque da UNESCO”. Os socialistas tamén aprobaron a moción na que instan ao Partido Popular a respectar a importancia da cidade de Vigo.
O Pleno da Corporación municipal aprobou a moción socialista na que se insta á Consellería de Medioambiente a mostrar o seu compromiso “real e prioritario” coa candidatura das Illas Cíes a Xeoparque promovida polo Concello de Vigo.
A concelleira de Medioambiente, Nuria Rodríguez, defendeu o compromiso municipal, primeiro coa candidatura para facer do arquipélago Patrimonio da Humanidade, e agora para que obteña o recoñecemento de xeoparque. Unha cuestión, que segundo Rodríguez, parece non compartir a responsable de Medioambiente da Xunta, Ángeles Vázquez, que declarou “que non sabe se vai poder ser xeoparque porque non reúne as condicións como tal ao tratarse dunha illa”.
Segundo a edil socialista, estas palabras parten da ignorancia, carecen de fundamento científico e son un claro exemplo do desprezo co que trata a Xunta a Vigo. A moción aprobada tamén solicita á conselleira a retirada das súas palabras e que amose apoio con medios materiais e humanos á candidatura de Illas Cíes Xeoparque da UNESCO.
Deputación de Pontevedra
Tamén no Pleno do mes de marzo saíu adiante a moción na que se demanda ao Partido Popular que respecte la importancia da cidade de Vigo nos nomeamentos rexeitando que para a presidencia da Deputación de Pontevedra non se designase a un representante de Vigo, como sucedeu nos oito anos do goberno do PSdeG-PSOE, e quedase relegada a representación de Vigo a un terceiro lugar.