Escoitar

O Pleno censura ao PP por rexeitar o teito de gasto que afecta a 18 millóns de euros de Vigo

A decisión da dirección estatal do Partido Popular de rexeitar a proposta de teito de gasto aprobada polo Goberno e polo Congreso dos Deputados, que “penaliza a Vigo en 17, 7 millóns de euros”, recibiu hoxe a reprobación conxunta dos concelleiros do PSdeG-PSOE e do BNG. Cos 20 votos dos edís socialistas e nacionalistas, o Pleno Municipal de hoxe aprobou a moción, presentada polo PSdeG-PSOE, que censura aos concelleiros populares por rexeitar no Senado a proposta de teito de gasto, e que lles “esixe” pedir desculpas á cidadanía viguesa polos preto de 18 millóns que ven comprometidos.

luns, 25 mar 2024

O voceiro do grupo municipal socialista, Carlos López Font, reprochou aos concelleiros do PP o voto en contra do seu grupo parlamentario no Senado ao plan de estabilidade orzamentaria do Goberno que propoñía un déficit dun 3 por cento para o conxunto das administracións públicas, xa que a penalización a Vigo ascende a 17,7 millóns de euros.

López Font acusou ao PP de “non querer orzamentos xerais do Estado”, á vez que reprochou á edil popular Irene Garrido que votase a favor dunha proposta que castiga a Vigo en preto de 18 millóns de euros.

Para o líder do grupo municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, os populares sacrificaron a comunidades autónomas e concellos para “cobrar unha peza de caza maior”: os orzamentos xerais do Estado.

A concelleira do PP, Irene Garrido, centrou a súa intervención en censurar ao Goberno por non aprobar os Orzamentos Xerais do Estado.

Toma de posesión

Na sesión plenaria deste luns, Patricia Iglesias tomou posesión do seu cargo como concelleira do grupo municipal popular en substitución da dimitida Marta Fernández Tapias.

Descargar todas as imaxes