Escoitar

Caballero recibe unha homenaxe do sector hostaleiro polo Nadal: “É un éxito de toda a cidade”

O alcalde recibiu uha placa homenaxe do sector hostaleiro e hoteleiro de Vigo polo éxito do Nadal 2023. Caballero agradeceu o simbolismo do acto, pero afirmou: “É un proxecto de todos e todas, mérito da cidade e cun éxito inigualable”.

luns, 12 feb 2024

Abel Caballero recibiu unha placa homenaxe do sector hostaleiro e hoteleiro da cidade pola celebración do Nadal 2023, na que os datos de ocupación converten o mes de decembro no segundo mellor mes do ano para moitos dos hoteis de Vigo.

O alcalde agradeceu ao sector o simbolismo do acto,  e que segundo expresou no seu discurso, “o Nadal fixo mudar a imaxe de Vigo e agora somos un destino amable todo o ano ao que todo o mundo quere vir”. En canto ao Nadal, Caballero quixo reivindicar que "estamos a falar dun proxecto de todas e todos, mérito de toda a cidade e cun éxito inigualable”.

Tal é así, que Caballero expresou o desexo doutros municipios destinos turísticos por excelencia, como por exemplo en Canarias, teñen a Vigo como un referente. “Agora somos unha cidade notoria en toda España”, declarou. Con datos, o rexedor puxo de manifesto que Vigo xa é a cidade turística máis importante de Galicia “por un investimento de pouco máis de 2 millóns de euros”.

Para o alcalde o Nadal ten un "efecto multiplicador", que converte a cidade nun destino turístico todo o ano: “Seguiremos levando adiante o fenómeno do Nadal, cada ano mellor. E con iso vai o verán, a Reconquista, o Entroido, o Marisquiño e tantos e tantos eventos”, concluíu.

 

Descargar todas as imaxes