Escoitar

A Corporación Municipal rexeita o trato discriminatorio da Xunta con Vigo pola falta de financiamento do estadio de Balaídos

A corporación municipal de Vigo aprobou no pleno extraordinario deste luns, cos votos a favor dos concelleiros dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG, a moción do Goberno municipal que expresa o rexeitamento á actitude do presidente da Xunta, así como o trato discriminatorio á cidade, e a falta de cooperación da administración autonómica ao financiamento da remodelación de Balaídos. Os concelleiros do PP votaron en contra de censurar a ausencia de apoio económico do goberno de Alfonso Rueda ao estadio municipal.

luns, 12 feb 2024
os grupos municipais do PSdeG-PSOE e BNG aprobaron a moción que rexeita a discriminación a Vigo da Xunta
os grupos municipais do PSdeG-PSOE e BNG aprobaron a moción que rexeita a discriminación a Vigo da Xunta

A reforma da “icona e emblema deportivo máis importante de Galicia”, que se sustenta nos 34,8 millóns de financiamento achegados polo Concello de Vigo e pola Deputación de Pontevedra, executouse sen achegas da Xunta de Galicia a pesar das reiteradas peticións dirixidas durante os mandatos de Alberto Núñez Feijóo e de Alfonso Rueda. Así o expuxo no Pleno extraordinario deste luns o voceiro do grupo municipal socialista, Carlos López Font, ao afirmar que en 2019 e en 2022 o alcalde de Vigo dirixiu senllas misivas ao titular do executivo galego, e censurar as afirmacións de Rueda nas que alegou o seu descoñecemento sobre o tema. “Claro que sabía do tema e da participación da Deputación gobernada por Carmela Silva”, afirmou ao incidir en que a Xunta recibiu a petición reiterada do Concello de Vigo.

O grupo municipal socialista, tras felicitar a Ferrol polo investimento de 5 millóns no estadio de fútbol anunciada por Alfonso Rueda, reclamou ao próximo goberno da Xunta o abono de 20 millóns de euros para completar a reforma do estadio municipal de Balaídos, e terminar co “trato discriminatorio” a Vigo.

O portavoz do BNG, Xavier P. Igrexas, explicou que o apoio á moción do PSdeG-PSOE débese a que “nós sempre estamos ao carón da cidade”,  e a que Vigo “merece un novo estadio municipal funcional, moderno e seguro, e entendemos que o goberno da Xunta ten que deixar de dar as costas á maior cidade deste país”.

A responsable do grupo popular, Marta Fernández Tapias, á vez que rexeitou a moción de censura á Xunta pola falta de achega económica á remodelación do estadio de Balaídos, presentou unha emenda para propoñer a redacción dun plan de financiamento das infraestruturas deportivas municipais.

os grupos municipais do PSdeG-PSOE e BNG aprobaron a moción que rexeita a discriminación a Vigo da Xunta
Carlos López Font, voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE
Os cinco edís do grupo municipal do PP votaron en contra da reprobación á Xunta pola falta de investimento na reforma de Balaídos
Descargar todas as imaxes