O Pleno apoia a manifestación do 4 de febreiro en Santiago para “salvar a sanidade pública galega”
O grupo municipal socialista presentou na sesión plenaria deste luns a moción que recolle as 13 medidas urxentes para afrontar a situación “crítica e desoladora” da sanidade que propoñen SOS Sanidade Pública e as 55 organizacións que abrangue.
Cos votos favorables de socialistas e nacionalistas e a oposición do grupo do PP, saíu adiante a moción na que Carlos López Font expuxo a situación “crítica” actual con centros de saúde e PACs “inaccesibles, centros masificados con persoal insuficiente, listas de agarda hospitalarias manipuladas ou servizos de urxencias colapsados”, o que fai necesaria unha “gran mobilización social e profesional”.
O Pleno apoia así a SOS Sanidade Pública e as 55 organizacións que a conforman, que propoñen 13 medidas urxentes para afrontar esta situación e chama á cidadanía galega a encher a Praza do obradoiro de Santiago o vindeiro domingo, 4 de febreiro “cunha única voz en defensa da sanidade pública que queremos e merecemos”.
O voceiro socialista citou algunha das medidas demandas para recuperar a sanidade en Galicia: incrementar o orzamento sanitario, especialmente na Atención Primaria ata o 25% do total que indica a OMS, incrementar o persoal, abrir os centros de saúde pechados, reintegrar o servizo de ambulancias ao sistema público e aumentar a dotación das mesmas, implementar un plan urxente para racionalizar as listas de agarda hospitalarias, recuperar o Hospital Álvaro Cunqueiro para o sistema público, elaborar un Plan de saúde mental consensuado ou eliminar a inestabilidade e precariedade laboral do persoal.
Integración da rede galega de trastornos aditivos no Sergas
A Corporación Municipal aprobou tamén este luns instar á Xunta de Galicia a reactivar de forma inmediata e urxente a “Comisión mixta para a integración da rede galega de trastornos aditivos no Servizo Galego de Saúde” e materializar ao longo deste ano 2024 a plena integración de CEDRO no Sergas. Amais demándase á Xunta que, namentres non se produza esta integración comprometida, financie ao 100% o custo deste servizo asistencial que está a prestar o Concello de Vigo.
A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, defendeu a moción apoiada polo BNG e na que o PP se abstivo. A edil sostivo que desde o ano 1985 o Concello de Vigo xestiona CEDRO, e ten que solicitar anualmente unha subvención á Xunta de Galicia, no ámbito das súas competencias exclusivas, sen certeza algunha do financiamento. Amais sinalou que “debemos insistir ano tras ano para que a Xunta cumpra coa súa obriga de integración destas unidades no Sergas, para que poidan ter un tratamento integral dentro do sistema público de saúde” e insistiu en que o goberno autonómico segue sen convocar a Comisión Mixta e sen informar aos concellos implicados dos avances no proceso de transferencia.