Vigo, á cabeza das cidades de Galicia en pronto pago a proveedores, cun prazo de sete días
Vigo sitúase á cabeza dos concellos de Galicia en “pronto pago” aos seus provedores cun prazo de desembolso das facturas de sete días. Así o defendeu no Pleno Municipal deste luns o concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros, ao incidir en que o goberno presidido por Abel Caballero tamén lidera as urbes coa mellor xestión económica.
Os novos datos de pago a provedores das grandes cidades galegas confirman que Vigo seatopa á cabeza de Galicia tanto por prazos como por xestión económica, xa que fronte aos 7 días nos que o Concello olívico paga aos seus provedores, en Ourense estes cobran en 58 días, en Santiago en 52, na Coruña en 36 , en Pontevedra en 21 e en Ferrol en 39.
O concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros detallou a situación do pago a provedores do Concello ao explicar a execución do gasto en contratos e investimentos durante o cuarto trimestre de 2023, no que se realizaron 2.265 pagos por valor de máis de 70 millóns de euros. Durante todo o ano pasado abonáronse máis de 205 millóns de euros por distintos contratos, segundo explicou Aneiros ao indicar que no primeiro trimestre de 2023 pagáronse 35 millóns, no segundo 55 , no terceiro 46 e no último 70 millóns. “Os contratistas que cumpren os seus compromisos co Concello de Vigo teñen abonadas as súas facturas”, recalcou o concelleiro.
Aneiros apuntou que o pronto pago non só constata diferenzas cos grandes municipios, xa que cos de menor poboación tamén se verifican prazos prolongados, como en Mos con 95 días; Baiona con 79 e O Porriño con 51, todos presididos por alcaldes do PP.
O concelleiro de Orzamentos incidiu en que as subvencións “se pagan cando se verfica o cumprimento do servizo”, en resposta á petición exposta polo voceiro do BNG Xabier Pérez-Igrexas sobre o abono dos acordos co movemento veciñal.