O Concello comprométese a seguir vixiando as 56 praias de Vigo ata que exista o menor risco de contaminación de pellets
A moción do grupo socialista solicitando á Xunta de Galicia a creación dun Comité de Crise, no que se conte coa FEGAMP e os alcaldes afectados, só foi rexeitada polos 3 concelleiros populares. Tamén tivo luz verde a esixencia ao goberno autonómico de accións para paliar as consecuencias da marea plástica de pellets.
A concelleira de Medioambiente, Nuria Rodríguez, defendeu a moción socialista na que se lle esixe a Xunta de Galicia a creación dun Comité de Crise. Neste organismo participarán, ademais das autoridades autonómicas e o goberno central, a FEGAMP e os alcaldes e alcaldesas dos municipios afectados, con independencia do nivel que sexa preciso activar, co fin de que poidan participar directamente na resolución de calquera tipo de crise que xurda. Na súa exposición, Nuria Rodríguez, sinalou o reiterado compromiso do ente municipal vigués na vixilancia dos areais.
Co apoio dos representantes do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego, e o voto negativo do Partido Popular, a moción aprobada tamén reclama a posta a disposición de medios técnicos aos concellos afectados e a centralización da reclamación de custes e indemnizacións.
Moción sobre a marea plástica
Tamén se deu luz verde, co voto favorable de nacionalistas e socialistas, á demanda de accións á Xunta de Galicia para paliar as consecuencias da marea plástica nas costas galegas. Entre a batería de esixencias incluídas na moción, o Pleno aprobou que se faga efectiva a colaboración cos concellos, poñendo de inmediato medios técnicos á súa disposición.