Escoitar

Caballero celebra os dez anos da Liga Concello de Vigo de natación escolar que arrinca este domingo

O alcalde presentou hoxe a Liga Concello de Vigo de natación escolar, unha das accións municipais complementarias ao programa municipal de escolas deportivas. Para Abel Caballero esta competición é “un proxecto deportivo importante, fantástico e vital”.

venres, 26 xan 2024

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe a Liga Concello de Vigo de natación escolar, unha das accións municipais complementarias ao programa municipal de escolas deportivas xunto co Trofeo Concello de Vigo de fútbol 8 (os sábados en Samil) e a Liga Linco de baloncesto (en Navia e en Balaídos), que comezará en poucas semanas. Para o xefe do goberno municipal é “un proxecto deportivo importante, fantástico e vital”.

Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, polo presidente do Club Natación Vigo Rías Baixas, Enrique Pérez Cruces, e un dos membros do cadro técnico do club, Nina Rodríguez, Caballero celebrou o décimo aniversario da liga, “para centros educativos de Primaria”, lembrou o rexedor. Nesta oitava edición a piscina do Carme acollerá tres xornadas (este domingo día 28 ás 9:00 horas, o 17 de marzo e o 26 de maio). Co patrocinio municipal, o CN Vigo Rías Baixas está encargado da organización técnica, co apoio da Fundación VIDE e de Frutas Nieves.

Para esta primeira xornada pechouse a inscrición en 404 nadadores de trinta e dous centros de ensino, entre a categoría promesa (141 participantes, nacidos dende 2016 a 2018) e a benxamín (263, das xeracións do 2012 ao 2015), coa previsión de que ao remate do campionato se acaden os 600 participantes. Caballero incidiu en que a Liga “é unha experiencia marabillosa pois nenas e nenos aprenden a nadar e a competir nesta actividade”.

A Liga Concello de Vigo mantén o formato habitual: en xaneiro e marzo, 25 metros libres e 25 costas, en competición mixta, e na derradeira xornada, de entrega de medallas, tódolos participantes nadarán 25 metros libres. Na derradeira edición, en 2023 o Colexio Apóstol Santiago venceu na clasificación por puntos, mentres que a Escola Rosalía de Castro levantou o trofeo de colexio máis participativo.

O alcalde cifrou nuns 1.500 nenas e nenos os que compiten nestes eventos (fútbol, natación e baloncesto) que reforzan o traballo dos clubs e entidades nas escolas deportivas.

Descargar todas as imaxes