As obras da Avenida de Samil comezarán a finais de xaneiro
Abel Caballero anunciou que a Xunta de Goberno aprobará este venres a adxudicación das obras para a rexeneración de Samil no tramo que comprende desde a praia da Fonte ata a zona da pista de patinaxe. O goberno local investirá 1.800.000 euros nun proxecto conxunto co goberno de España que abordará a recuperación da zona de praia e o novo paseo cun importe de 2.126.150 euros.
O alcalde cualificou como “importantísima” a adxudicación da obra da Avenida de Samil que pasará este venres pola Xunta de Goberno. Abel Caballero anunciou que a finais de xaneiro comezarán as obras para a renovación e rexeneración de Samil cun importe de case dous millóns de euros.
A actuación na Fase I abarca 450 metros da Avenida: “Imos facer accesibles as zonas de aparcamentos en terra, con prazas en oblicuo de 4,6 metros de ancho e unha beirarrúa de 2,5 metros de ancho” A humanización inclúe medidas para o calmado do tráfico, como a nova rotonda, e con pasos de peóns resaltados. Haberá novas luminarias led, renovación de abastecemento e saneamento, nova sinalización e mobiliario urbano.
O Goberno de España será a administración encargada da recuperación da praia e o novo paseo no mesmo tramo para o que prevé un investimento de 2.126.000 euros. “Imos recuperar de forma extraordinaria a praia de Samil, con máis areal, máis paseo, máis aparcamento, máis humanización e mellores condicións”, concluíu o rexedor.