O Concello ten rexistradas máis de 9.000 solicitudes para as axudas de libros
O prazo de solicitude das axudas estará aberto ata o 24 de xaneiro para as familias viguesas con fillas e fillos en Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Formación Profesional Básica e Educación Especial.
Abel Caballero informou este mércores do proceso de solicitude das axudas a familias para os libros de texto que poderán recibir ata 28.500 estudantes. A día de hoxe hai rexistradas no Concello máis de 9.000 solicitudes.
Ata o 24 de xaneiro (incluído) está aberto o prazo para solicitar as axudas municipais a familias con fillos e fillas en Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Formación Profesional Básica e Educación Especial, tanto de centros públicos como concertados, que recibirán unha bolsa de 205 euros. O importe total do programa ascende a 5.882.500 euros.
Este ano, o procedemento de solicitude quedou simplificado para as familias perceptoras da bolsa o ano pasado que “soamente teñen que asinar un dos documentos que están na web municipal”, tal e como apuntou o rexedor.