Escoitar

Abel Caballero: “O Torneo de Nadal é un evento deportivo da maior importancia”

Un total de 131 equipos de 33 clubs, disputarán o torneo entre o 26 e o 29 de decembro. O rexedor agradeceu a todos “os que fan que o fútbol en Vigo sexa moito máis que un deporte, converténdose nun factor de ancoraxe da cidade”.

mércores, 13 dec 2023

O alcalde de Vigo, acompañado por representantes de varios clubs (Candeán, Coia, Vigo 2015, Racing Castrelos e Rápido Pereiró) e de AFAVI, anunciou unha nova edición do Torneo de Nadal de fútbol 8 e fútbol 11.

Un total de 131 equipos, a mellor cifra dende 2018, de 33 clubes disputarán este torneo, fundamentalmente vigués (26 entidades da cidade) pero que tamén convoca nas súas catro categorías (prebenxamín, benxamín, alevín en fútbol 8 e infantil en fútbol 11) a equipos como o A.J. Lérez (Pontevedra); Lóstrego CF (Gondomar); 3 equipos portugueses (Oporto, Sporting de Lisboa e AD Lousada); Deportivo e CD Lugo.

O torneo contará con preto de 2.000 xogadores entre os 5 e os 12 anos, que xogarán en 8 campos ao longo da cidade: Pahiño (Navia), A Bouza (Coia), A Pirucha (San Miguel de Oia), Penedo da Moo (Matamá), José Costas (Candeán), Cotogrande (Cabral), Meixoeiro e o Monte da Mina (Castrelos).

Os días 26, 27 e 28 de decembro, xógase a fase de grupos e as primeiras eliminatorias.O mesmo xoves 28 coñeceranse os dous equipos alevíns que xogarán o Torneo Internacional Súper 8 fronte a Celta, Oporto, Sporting de Lisboa, AD Lousada, Deportivo e CD Lugo. O venres 29, en Navia, dispútanse as finais prebenxamín, benxamín e infantil e o Torneo Internacional Súper 8 Alevín, coa posterior entrega de premios ás 19:30 horas.

Descargar todas as imaxes