O Concello solicita fondos europeos para dixitalizar o ciclo da auga
Abel Caballero anunciou que o Concello participará na convocatoria do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado con fondos europeos Next Generation EU, co obxectivo de ter unha xestión 4.0 e seguir mellorando o ciclo integral da auga.

Vigo participará no PERTE da Dixitalización do Ciclo da Auga para dixitalizar na totalidade o ciclo da auga, o que supón a integración, monitorización, vixilancia e telecontrol en tempo real aplicando as novas tecnoloxías de intelixencia artificial e axudando así á toma de decisións. Abel Caballero anunciou que isto supón unha inversión de 8.800.000 euros, dos cales se solicitan 6.000.000 ao Goberno de España. “Queremos monitorizar, vixiar e controlar todo o ciclo da auga cun concepto de industria 4.0”, declarou o alcalde.
Segundo manifestou, o goberno local controlará a captación, potabilización, distribución, alcantarillado e depuración de xeito dixital, para mellorar así a toma de decisións en todo o ciclo da auga. Amais, este proxecto inclúe un plan de emerxencias para a seca, plan sanitario da auga, plan director de saneamento e abastecemento, auditoría das perdas de auga e un plan de actuación.



