Vigolandia acolle máis de 30 actividades do 26 ao 30 de decembro
Abel Caballero anunciou este luns que a XIX edición de Vigolandia, que se celebrará do 26 ao 30 de decembro no Instituto Feiral de Vigo, garante cinco días de lecer e diversión combinado con iniciativas educativas.
O alcalde animou a participar en “unha gran acción” para todos os nenos de Vigo, xa que Vigolandia ofrece tanto escenarios para o xogo, especialmente cos 12 inchables xigantes instalados, entre os que destaca “Evolution”, con forma circular e unha dimensión de 40 por 40 metros, como para a formación viaria ofrecida pola Policía Local da cidade.
O director de Ifevi, Arsenio Prieto, destacou que o Concello foi receptivo desde o primeiro momento a unha feira que este ano conta con máis de 30 actividades.
Vigolandia, que se desprega en 16.000 metros do recinto feiral de Vigo, o día 26 de decembro permanecerá aberto de 4 a 8 da tarde, e os días 27,28,29 e 30 de 12 da mañá a 8 da tarde.
Cunha entrada de 6 euros, os nenos, ademais de gozar da novidade “Evolution”, dispoñerán dunha pista de obstáculos de 145 metros; así como dun wip-out de 70 metros e unha ponte tibetano de 50 metros unido a unha tirolesa de 53 metros. A estes sumaranse mesas para tenis, talleres para mini-chefs e o parque de educación viaria que desprega a Policía Local.
A cita festiva reedita o certame de pintura “As luces do Nadal”, na que participaron 5.000 escolares de 40 colexios.
Patrocinadores
Na presentación de Vigolandia participou Carmen Vello, en representación de Alcampo como patrocinador da nova edición. A esta empresa súmase a Agrupación Deportiva Escolar Baixo Miño, Tenis de Mesa, Caterin Galicia, Mancomunidade de Montes de Vigo, RadioVigo, Federación Galega de Villar, Federación Galega de Tenis, Vexo Visións Soluciones IP e Policía Local de Vigo.