O Goberno adxudica 3 ramplas mecánicas entre Severino Cobas e Ramón Nieto por 2.305.531 euros
A Xunta de Goberno adxudicou este luns á empresa Prace, Servizos e Obras S.A. a contratación das obras de construción da nova conexión por ramplas mecánicas entre o Colexio Losada e a Avenida de Ramón Nieto. O Concello fixa un prazo de nove meses para executar un proxecto orzamentado en 2.305.531 euros.
Abel Caballero anunciou a adxudicación das tres ramplas a construír entre as rúas Severino Cobas e a Avenida de Ramón Nieto. Explicou que dos 2.305.531 euros, o 70 por cento, un total de 1.614.000 euros correspóndense con financiamento achegado polo goberno estatal.
O alcalde detallou que se construirán 100 metros de ramplas mecánicas, salvando unha cota de 18 metros. “É unha forma moderna de contemplar a mobilidade en Lavadores”, indicou, ao lembrar que se trata do segundo corredor mecánico xa que o primeiro está próximo ao centro de saúde.
O rexedor apuntou a transcendencia do apoio do Goberno nun novo proxecto de mellora da mobilidade urbana de Vigo. “De novo o Goberno de España en auxilio de Vigo, neste caso con 1.614.000 euros en Lavadores”, incidiu.