Escoitar

O alcalde visita a Cidade Universitaria

Domingo Docampo, Rector da Universidade, recibiu esta mañá o alcalde Ventura Pérez no campus Lagoas-Marcosende para amosarlle a Cidade Universitaria e as novas dependencias do Rectorado emprazadas alí. Durante o paseo, no que estiveron acompañados en todo momento polo vicerrector de Planificación Alberto Gago Rodríguez, polo concelleiro de Patrimonio Xosé Carlos Arias e polo xerente de Cidade Universitaria Rafael Núñez, puideron contempla-las diferentes infraestructuras concibidas polo arquitecto Enric Miralles ó servicio da comunidade universitaria.

mércores, 8 out 2003
1065619077uni.jpg
Gago, Mariño e Docampo
As áreas deportivas centraron o interese de Pérez Mariño na primeira parte do percorrido pola súa dimensión e pola capacidade para acoller diversos eventos deportivos. Pasou despois a comitiva polo Aulario e a Zona de Comercial ante a expectación dos presentes cara ó novo Rectorado, onde Docampo Amoedo explicou a distribución dos espacios e o asentamento dos servicios no novo edificio. O Rector foi amosando ó Alcalde outros edificios do campus especificándolle as intencións orixinais do arquitecto e as funcións que se desenvolven. O alcalde escoitou atentamente as explicacións dos seus anfitrións ó longo do percorrido, e eloxiou a distribución e a funcionalidade dos novos espacios para albergaren á comunidade universitaria, así como a idoneidade dunhas infraestructuras demandadas dende hai moito tempo.

O emprazamento da Cidade Universitaria no monte Marcosende e o respecto pola harmonía do contorno foron outros dos aspectos que se destacaron nesta visita do alcalde ó campus, que lle desexou á comunidade universitaria, receptora das instalacións, un bo uso e desfrute das mesmas.
Descargar todas as imaxes