Escoitar

Aprobadas as bases para elaborar programas educativos

A Comisión de Goberno ven de aprobar as bases do concurso de ideas para a elaboración e desenvolvemento dos programas educativos do Concello de Vigo para o curso 2003-2004, cara impulsar iniciativas didáctico e pedagóxicas que fagan posible a mellora da calidade formativa da comunidade educativa e que poidan integrarse nas programacións dos centros.

martes, 7 out 2003
1065528673move.jpg
O obxecto do concurso é acadar da comunidade educativa e dos profesionais do ensino a achega de proxectos e propostas, así como a súa implantación, para a programación educativa do Concello. Os proxectos versarán sobre os temas xenéricos de valores e actitudes sociais, formación teatral e artística, alfabetización de persoas adultas e Vigo como cidade educadora.

Os programas iran destinados ó alumnado segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Secundaria post-obrigatoria cos novos bacharelatos e a formación específica de grao medio. Tamén poderán ser destinatarios dos proxectos o profesorado dos devanditos niveis educativos, así como as persoas adultas que precisen alfabetización.

Para a preselección dos proxectos constituirase unha Comisión que avaliará entre outros aspectos a calidade, interese e novidades do programa, a cualificación do equipo de traballo, relación custo e calidade ou nivel de participación da comunidade educativa.
Descargar todas as imaxes