O Concello leva executados 195 millóns de euros do Orzamento Municipal
O edil de Facenda, Jaime Aneiros, deu conta no Pleno do estado da execución de gastos e ingresos do orzamento correspondente ao terceiro trimestre deste ano e do informe trimestral de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos para o pago das obrigas.
Segundo expuxo o concelleiro na sesión plenaria do mes de outubro, celebrada este luns, a 30 de setembro de 2023, o Concello leva recoñecidas unhas obrigas superiores aos 195 millóns de euros e uns pagos do mesmo importe na suma de capítulos de gasto do Orzamento de 2023, mentres nos ingresos a recadación neta supera os 144 millóns de euros. No capítulo de investimentos, están autorizados 55 millóns de euros, que se corresponden con obras en marcha en todas as parroquias e barrios.
Jaime Aneiros detallou que, neste período, máis de 800 familias e institucións benéficas se beneficiaron das axudas municipais cunha dedicación de case 11 millóns de euros e máis de 600 persoas foron beneficiadas polas subvencións ao fomento do emprego.
O voceiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, criticou a “falta de xestión e inexecución de récord” do goberno municipal que “non executou nin a metade do orzamento”, no que levamos de exercicio. A edil popular, Luisa Sánchez, recalcou que “está sin executar o 52% do orzamento dos créditos definitivos polo que quedan uns remanentes de crédito de 208 millóns de euros”, e solicitou ao goberno da cidade que “execute aquilo ao que se comprometeron para que o orzamento non sexa papel mollado”.
O concelleiro de Facenda explicou que, a 30 de setembro, dos 292 millóns de euros do Presuposto Municipal “temos autorizados 282 millóns de euros; máis de 26 millóns de axudas a subvencións aboadas sobre un orzamento total de subvencións de 40millóns de euros, poñendo en valor o carácter redistributivo do orzamento municipal con axudas directas a familias, tendo en conta tamén que as obras deben estar rematadas para facer os pagamentos das mesmas. E pechou o debate sinalando que “non se deixa nada sen executar”.
Informe trimestral de Tesourería
O edil de Facenda deu conta no Pleno deste luns do informe de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos para o pago das obrigas previstas nas leis correspondente ao terceiro trimestre de 2023 no que o importe aboado superou os 94 millóns de euros e fixéronse un total de 1.599 pagamentos con cargo aos capítulos II (contratos) e VI (investimentos) do Orzamento. Así , Jaime Aneiros detallou que, nos nove primeiros meses do ano 2023, o Concello aboou máis de 135 millóns de euros en execución dentro deses dous capítulos orzamentarios.
Ademais, o pago medio do Concello aos seus provedores situouse en 9 días de media, a cifra máis baixa das cidades galegas segundo a comparativa exposta polo concelleiro: Ourense paga en 89 días, A Coruña en 31, Santiago en 67 días ou Pontevedra en 30 días. Isto, mostra, no seu criterio, a “atención e apoio á economía cunha xestión áxil e útil por parte do Concello” e contribúe a evitar tensións de tesourería no tecido empresarial.
Xabier Pérez Igrexas, voceiro do BNG cuestionou a exposición de Aneiros apuntando que o Orzamento en vigor ten un crédito de máis de 403 millóns de euros, dos que se levan executados “apenas 195” e criticou o recorte “nun 22% das axudas sociais municipais neste presuposto”. Luisa Sánchez, concelleira do PP, sinalou que o Concello “paga dentro do marco legal, que é o que teñen que facer” e sinalou que queda sen executar un 52% destes orzamentos polo que pediu que “os executen e liberen os pagos pendentes de axuda a tódalas familias para o que poden realizar un anticipo de gasto”.
Jaime Aneiros incidiu no apoio ás familias e ás entidades veciñais do goberno municipal: a 30 de setembro, dixo, “máis de 5,8 millóns de euros de axudas a familias con bolsas de libros e 636.000 euros aboados á Federacións de Pais e Nais de alumnos de Vigo. Nós si que apoiamos ás familias, aos colexios, á educación”.