Escoitar

A Corporación reclama ao goberno autonómico 12 millóns para melloras nos colexios

O Concello de Vigo acordou, cos votos dos edís do PSdeG-PSOE e do BNG e a negativa dos concelleiros do PP, instar á Xunta a incluír nos orzamentos de 2024 unha partida de 12 millóns de euros para afrontar a mellora integral dos centros de educación públicos.

luns, 30 out 2023
Olga Alonso, concelleira de Eduación
Olga Alonso, concelleira de Eduación

A concelleira de Educación, Olga Alonso, argumentou no Pleno deste luns, que a demanda dirixida á administración autonómica galega de aprobar unha partida específica de 12 millóns de euros para realizar obras de melloras nos colexios públicos de Vigo xustifícase na deficiente situación en que se atopan a maior parte das infraestruturas docentes da cidade. “Necesitamos un plan de investimento que dea resposta ás demandas e ás necesidades educativas da cidade”, reclamou a edil.

O voceiro en educación do BNG, Filipe Abalde, na mesma liña demandou que a Xunta “cumpra coas súas obrigas; corresponda co que o alumnado de Vigo merece, e invista o que lle corresponde a Vigo”.

Ante estas reclamacións, o voceiro do PP, Fernando González, defendeu que o pasado verán a administración galega realizou máis de 20 obras.

Os concelleiros do BNG e do PSdeG-PSOE tamén acordaron instar ao conselleiro de Educación a explicar os motivos polos que a responsable de Educación do Concelllo non foi convidada ao acto de inaugración do novo Centro de Formación e Recursos para Profesores, en contraste coa presenza de cargos políticos “que nada teñen que ver” con educación, en referencia á edil do PP Marta Fernández-Tapias. Piden que a Xunta “cese de forma inmediata nesta práctica de uso partidista dos actos institucionais”.

Demanda unámime de melloras aos avogados e procuradores de oficio

A Corporación Municipal aprobou por unamimidade instar aos gobernos galegos e central a aprobar un novo estatuto xurídico para avogados e procuradores de oficio dirixido a mellorar os seus dereitos laborables e económicos, e acompasalos cos do resto dos traballadores.

A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, explicou que máis de 3.000 avogados galegos, que representan o 43 por cento do total, participan na quenda de oficio. Engadiu que estes afrontan o seu traballo en “condicións mínimas de dignidade” e sen unha remuneración “digna”. Neste contexto urxiu á Xunta a duplicar a partida orzamentaria de 2024 destinada á xustiza gratuíta.

A moción aprobada insta a promover as modificacións normativas necesarias para garantir aos profesionais da xustiza gratuíta a remuneración total das actuacións que realizan, así como que o salario sexa “digno” e que se actualice anualmente co IPC, con revisión dos baremos e establecendo uns orzamentos específicos.

Descargar todas as imaxes