Escoitar

O Pleno solicita á Xunta investimentos por riba dos 200 millóns de euros para 2024

O Grupo Municipal Socialista defendeu investimentos “que foron constantemente reiterados”. Tamén se aprobou instar á Xunta a dar apoio á liña de alta velocidade Vigo-Ourense por Cerdedo, á que o Grupo Popular votou en contra.

luns, 30 out 2023

O Pleno aprobou cos votos do Grupo Municipal Socialista e o BNG solicitarlle á Xunta de Galicia investimentos dentro do marco do Orzamento 2024. O edil Carlos López Font defendeu que o goberno autonómico debe cubrir as necesidades “constantemente reiteradas” e que “deben estar por riba dos 200 millóns de euros”. O Partido Popular votou en contra.

Segundo manifestou, “ano tras ano os orzamentos da Xunta non atenden as necesidades da cidade e para 2024 non se contempla ningún investimento novo nin ten consideración sobre as peticións trasladadas noutras ocasións”. O concelleiro lamentou que “sendo Vigo o 11% da poboación galega, no proxecto de Orzamento 2024 da Xunta só adicase o 4,1% dos investimentos”.

Liña de alta velocidade Vigo-Ourense por Cerdedo

Tamén López Font defendeu instar á Xunta a apoiar a liña de alta velocidade Vigo-Ourense por Cerdedo, que permite aforrar tempos na viaxe Vigo-Madrid e evita dar un rodeo de 100km por Santiago. O Grupo Socialista sacou adiante a moción na que o Partido Popular votou en contra.

O edil lamentou “a falta de implicación do goberno de Galicia na reivindicación da liña de alta velocidade entre Vigo e Ourense” lamentouno “porque este proxecto avanza grazas ao goberno de Pedro Sánchez”. O voceiro amais remontouse aos anos do goberno de Fraga, onde se decidiu que a liña de alta velocidade tiña que ser Coruña-Santiago-Madrid, e posteriormente, co goberno de Rajoy a Ana Pastor como ministra de Fomento, “gardaran o proxecto nunca caixón deixando caducar todos os estudos feito ata o momento”.

Descargar todas as imaxes