Vigo acollerá o V Congreso Mundial Jules Verne en 2028
A Sociedade Jules Verne de Vigo acaba de ser designada como organizadora do encontro, unha decisión que lle trasladaron este venres ao alcalde, nunha reunión na que deron conta do resultado dun estudo no que recollen mencións sobre a cidade, ata agora descoñecidas, nas obras do autor francés.
Abel Caballero recibiu no Concello este venres a Eduardo Rolland, Julio Ástor e José Garabatos, membros da Sociedade Jules Verne de Vigo, que veñen de publicar un estudo que recolle as mencións que inclúe Julio Verne á cidade, á súa ría e ás Cíes nas súas novelas e que se descoñecían ata este momento.
O alcalde valorou o interese da análise realizada por José Garabatos, que amais amosa “o entusiasmo de Julio Verne coa cidade, encantáballe”, apuntou. Segundo recolle o estudo, nas 63 novelas e máis de 20 relatos escritos por Julio Verne atopáronse 7 mencións de Vigo. Entre outras, hai unha mención ás Cíes na novela “Marabillosas aventuras de Antifer” (1894), cando o escritor xa visitara Vigo en dúas ocasións. Verne relata como o protagonista, na súa navegación, “deixou a babor a baía de Vigo e os tres picos que sinalan a súa entrada” . Ademais, o autor volve falar de Vigo en Mistress Branican, O soberbio Orinoco e Aventuras dun neno irlandés. Ata o de agora eran coñecidas as referencias do capítulo “A baía de Vigo” en 20.000 leguas baixo do mar e a referencia á cidade na novela A Illa misteriosa. O estudo vai ser presentando o vindeiro xoves, 4 de maio, ás 19:30 na Biblioteca da EMAO.
Ademais, a Sociedade Jules Verne de Vigo celebra a súa designación como entidade organizadora en Vigo do V Congreso Mundial Jules Verne, que se celebrará no ano 2028, coincidindo co segundo centenario do nacemento do escritor. O Congreso reunirá na cidade a expertos vernianos de todo o mundo. Cabe lembrar, tal e como sinalou o alcalde, que 20.000 leguas de viaxe baixo do mar é a segunda obra narrativa máis lida en todo Occidente na historia da humanidade; a primeira é Don Quixote da Mancha de Cervantes.