A Xunta de Goberno outorga as axudas municipais a familias
O Concello comenzará a semana que vén a transferir as axudas de libros ás familias que cumprimentaron a solicitude de forma correcta. Son 20.756 as becas xa aprobadas e quedan pendentes de subsanar outras 1.955 demandas que recibirán os 205 euros por alumno tan pronto acheguen a documentación pendente.
A Xunta de Goberno Local aprobou as axudas municipais de libros para ensinanza obrigatoria -Primaria, Secundaria e Educación especial – o que permitirá que a semana que vén as familias coas solicitudes admitidas e validadas comezarán a cobrar 205 por alumno/a.
Recibíronse un total de 22.711 solicitudes, das que 20.756 estaban ben cumprimentadas polo que o Concello comezará á aboalas a partir do próximo luns ata un montante de 4.255.000 euros. O expediente aprobado inclúe tamén un listado de 1.955 solicitudes que precisan de subsanación, das que 188 están parcialmente concedidas (familias con máis dun fillo e ás que se lles outorgou a un si e a outro ou outros, non). Segundo explicou o rexedor, estas 188 demandas están incluídas no listado cun epígrafe específico para que poidan reclamar, se así co consideran.
Todos os solicitantes que figuran na lista pendente de subsanación recibirán un sms cun enlace á páxina web municipal onde poderán consultar a documentación que lles falta. Estas persoas recibirán a correspondente axuda unha vez entregada a documentación requirida.