Escoitar

O Concello inviste 1,5 millóns de euros na mellora do parque Nelson Mandela de Navia

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a contratación da primeira fase das obras de mellora integral, novo arborado e mobiliario no parque de Navia que será “para todo Vigo”.

xoves, 20 abr 2023
Infografía dun dos espazos do parque Nelson Mandela de Navia
Infografía dun dos espazos do parque Nelson Mandela de Navia

Tal e como recolle a memoria do proxecto, a actuación contempla a mellora das conexións entre os espazos interiores do parque coa rúa Teixugueiras, a implantación de xardinería e arborado, a reordenación do parque por zonas: auditorio ao aire libre, xogos de Teqball, zona canina, labirinto vexetal, zonas de relax e lectura, zonas de esculturas; a renovación da rede de rega e a instalación de novo mobiliario urbano.

O alcalde informou do trámite en rolda de prensa e avanzou que o obxectivo é “recuperar o parque con criterios de integración na contorna urbana” desde un punto de vista paisaxístico e modificando a súa configuración para mellorar o aproveitamento dos espazos. Cun investimento de 1,5 millóns de euros, o renovado parque de Navia será “para todo Vigo” e sumarase á oferta de espazo natural e de esparexemento do parque de Castrelos.

Cuberta do Pavillón de Coia

A Xunta de Goberno deu luz verde este xoves á contratación das obras de conservación e mellora da cuberta do Pavillón de Coia por un importe de 163.027 euros. A obra inclúe a substitución dos canlóns e o lucernario así como a instalación dunha nova estrutura para a ancoraxe do lucernario. A actuación será executada ao tempo que se mantén a actividade na instalación.

Piscina das Travesas

Ademais, na sesión da Xunta de Goberno quedou aprobada a contratación das obras de execución da substitución de instalacións no centro deportivo da piscina de As Travesas cun orzamento de 687.000 euros. O obxectivo é mellorar as instalacións térmicas e eléctricas da piscina con novos equipos de deshumectación do aire dos espazos con recuperación de calor, novas caldeiras e bomba de calor e medidas de eficiencia enerxética. A maquinaria existente, en mal estado de conservación debido ao paso do tempo, será substituída nun prazo estimado de obras de 2 meses.

Amais, o goberno municipal está redactando o proxecto de reforma da piscina de Teis que sufriu un “dano inmenso” tras o incendio.

Descargar todas as imaxes