Escoitar

O Concello apoia o “extraordinario” traballo de Érguete na cidade con máis de 750.000 euros

O alcalde deu conta esta mañá da renovación do convenio de colaboración con Érguete, entidade á que o Concello adica máis de 750.000 euros e á que lle agradece o seu “extraordinario” traballo na cidade. A Xunta de Goberno tamén deu luz verde a unha transferencia de 125.000 euros en favor da Fundación VIDE.

venres, 17 mar 2023

A Xunta de Goberno deu luz verde ao convenio de colaboración con Érguete por importe de 135.000 euros, o que supón 45.000 euros anuais. Este acordo de cooperación permite, en primeiro lugar, financiar o programa para persoas que están en proceso de rehabilitación e que son derivadas a pisos para facilitar a súa transición á vida autónoma. Tamén se subvenciona o servizo Sereos, que atende a persoas drogodependentes en proceso de rehabilitación ás que se lles dispensa medicación, profilaxe, café quente ou bocadillos.

Ao marxe deste acordo, Érguete tamén xestiona o servizo municipal de Coidadores de Barrio. Este contrato está en proceso de licitación por importe de 630.000 euros. Ademais, Érguete está incluída nas Axudas de fomento do emprego, con 11.74 euros, ademais de formar parte do Obradoiro de emprego Vigo Capacita VIII. O alcalde avanzou en rolda de prensa a vontade do goberno local de seguir apoiando o “extraordinario” traballo desta entidade que recibe das arcas municipais máis de 750.000 euros.

O goberno local tamén adoptou a decisión de desafectar o edificio de vivendas do profesorado no CEIP O Sello en Cabral. Tal e como explicou, o Concello solicitou este trámite dado o deficiente estado de conservación do inmoble o que supoñía un perigo polo que se vai proceder a súa demolición. Nunha situación similar atópase o edificio de profesorado do Ceip Canicouva, para o que tamén se solicitou a desafectación con fin de darlle un uso alternativo que lle sexa de utilidade ao centro educativo.

A Xunta de Goberno, así mesmo, validou unha transferencia de crédito de 125.000 euros para dinamizar a actividade da Fundación VIDE. En total a achega municipal ao deporte elévase a 2 millóns de euros, sen ter en conta as subvencións polo uso das instalacións titularidade do Concello.

Continuado co deporte, Caballero deu conta da solicitude á Deputación dunha achega de 195.000 euros para o desenvolvemento do World Pádel Tour no Ifevi. Esta axuda complementará a establecida polo Concello, de 255.000 euros, para cooperar na organización do Vigo Open 1000 que se celebrará entre o 8 e o 14 de maio.

O goberno local tamén aprobou o convenio coa Deputación de Pontevedra para a Feira Internacional das Tecnoloxías do Metal Mindtech 2023. O Concello achegará 55.000 euros, o organismo provincial, 45.000 euros, para colaborar nun evento previsto para os días 20, 21 e 22 de setembro.

Descargar todas as imaxes