Vigo estrea os novos sistemas de seguridade do túnel de Beiramar coa realización dun simulacro
Abel Caballero destacou que “coa inversión deste millón e medio de euros temos todas as garantías tecnolóxicas”. Tras o simulacro da madrugada, esta mañá realizouse unha exposición do mesmo na sala de tráfico do Concello.

A cidade xa conta cunha renovación do paso inferior baixo a Avenida de Beiramar, no que se realizou unha renovación dos seus sistemas de seguridade, adaptados á normativa europea.
Con un custe de 1,5 millóns de euros, Abel Caballero detallou que os traballos que realizaron nesta primeira fase foron: mellora na iluminación; renovación do cableado adecuado ás esixencias en canto á protección contra incendios; renovación e ampliación das luces de emerxencia; novos cadros eléctricos e distribución; novos detectores de monóxido de carbono e sensores Nox para detectar gases de nitróxeno nos sistemas de escape; sistemas de detección de opacidade dos anemómetros que miden a velocidade vento; substitución dos armarios de SOS; instalación dun sistema de megafonía; novos paneis de mensaxería para información; cambio do cadro principal de baixa tensión; nova cartelaría de información para evacuacións e finalmente, unha nova instalación de software para o control e vixilancia máis adecuado á actualidade, que permite realizar un control minucioso desde a sala de tráfico do Concello. Este simulacro tamén serviu para analizar o funcionamento e coordinación dos servizos de emerxencia.
O alcalde avanzou que “temos xa proxectada a fase 2 da reforma cun presuposto aproximado de 6 millóns de euros”, que consistirá nun novo sistema de iluminación con tecnoloxía LED; a implantación dun novo sistema de radiocomunicacións que permitirá dar cobertura de radio aos servizos de emerxencia, así como dotar de radio FM para os usuarios do túnel e quitar o actual muro de ladrillo, substituíndo por uns paneis vitrificados.





