O Concello aproba o proxecto para a humanización de Teixugueiras
A Xunta de Goberno aprobará este xoves unha inversión de 2.679.000 euros para a humanización da rúa Teixugueiras entre a rúa Lamelas e o acceso peonil a Navia desde a VG-20. Tamén aprobou a adxudicación das obras para a musealización das galerías de O Castro.
Abel Caballero adiantou que a Xunta de Goberno aprobará este xoves a humanización da rúa Teixugueiras en Navia cun importe de 2.679.326 euros, unha transformación da rúa “de altísimo nivel”, en verbas do alcalde.
Os traballos consistirán na retirada do mobiliario existente e demolición de beirarrúas e pavimentos, renovación de colectores e novas redes de saneamento así como pluviais, canalización das redes do alumeado e semáforos, nova pavimentación e beirarrúas con melloras para os peóns, zonas axardinadas, nova sinalización e elementos decorativos. Caballero explicou que a rúa seguirá a ter dous carrís de circulación en cada sentido.
Para o rexedor “a Xunta non fixo o Navia que tiña que facer” e cualificou de “chapuza integral” as obras acometidas fai 20 anos, polo que o goberno local decidiu humanizar esta rúa en dous fases.
Fortaleza de O Castro
A Xunta de Goberno tamén aprobará a adxudicación das obras para a musealización das galerías de O Castro. “Arrancamos coa obra”, manifestou o rexedor, que lembrou que é unha obra financiada polo Goberno de España con fondos para o reforzamento do turismo, aportando 1.400.000 euros ao proxecto.
A obra consiste en volver a abrir a saída do túnel na parte alta da fortaleza. “Ímolo alumear, imos facer unha representación no polvorín e os patios e recrear as batallas en defensa da cidade”, explicou.