Escoitar

O Concello distribuirá 5.000 botellas para a limpeza dos excrementos dos cans na rúa

O alcalde presentou en rolda de prensa a campaña “Non deixes rastro” que se estende ao Calvario, Coia e Navia co obxectivo de crear conciencia cidadá sobre a necesidade de limpar as deposicións e ouriños das mascotas.

venres, 28 out 2022
Presentación da campaña "Non deixes rastro"
Presentación da campaña "Non deixes rastro"

Abel Caballero convidou a toda a cidade a sumarse á campaña “como forma de cooperación colectiva” para a mellora de Vigo e, durante a presentación, entregou de forma simbólica unha botella a Encarna Álvarez, presidenta da Asociación de Comerciantes e Empresarios do Calvario, e outra a Marcos Piñeiro, presidente da comunidade de propietarios do Centro Comercial Coia 4, que estiveron presentes.

O Concello ten en marcha a campaña “Non deixes rastro” para crear conciencia sobre a necesidade da limpeza das deposicións e ouriños das mascotas. Comezou en Teis e chega agora a Calvario, Coia e Navia onde se distribuirán 5.000 botellas pregables e reutilizables “que se levan na man ou no peto con facilidade” coas que limpar os excrementos das mascotas no espazo público.

O alcalde explicou que, malia sabermos que é obrigatorio recoller as deposicións da rúa, o goberno municipal quere que a cidadanía viguesa se afaga á limpeza dos ouriños e excrementos: “teñen que recollerse e limparse” e as botellas, nas que se explica como poden usarse, facilitan a tarefa e “contribúen á limpeza na cidade”. Así, recoméndase introducir na botella unha mestura a partes iguais de auga e vinagre para limpar a zona manchada na rúa.

Tal e como apuntou o rexedor, calquera cidadá, comercio, asociación de comerciantes ou asociación veciñal interesada en participar na campaña pode recoller as botellas no Concello.

Encarna Álvarez trasladou a disposición dos comerciantes a colaborar nesta campaña municipal porque “os comerciantes sufrimos este problema diariamente”.

Descargar todas as imaxes