Vigo acolle o XVII Campionato de España de Dominó coa participación de 24 equipos
Abel Caballero trasladou o apoio do Concello ao certame que se celebra desde este sábado 29 de outubro e ata o luns 31 no Hotel Bahía.
Abel Caballero presentou este venres en rolda de prensa o XVII Campionato de España de Dominó por equipos no que participan 24 equipos de toda España.
O alcalde amosou a súa satisfacción pola celebración na cidade do certame e pola chegada de máis de 400 participantes do resto de Galicia e de toda España. Amais apuntou a importancia do dominó ao ser un xogo que obriga a un exercicio intelectual importante para facer cálculos e manexar números.
O presidente da Federación Española de Dominó, Faustino Alegría Hernández, sinalou que “estar en Vigo es un orgullo” e defendeu a utilidade do dominó na sociedade como adestramento mental para nenos e maiores.
Ademais, estiveron presentes na rolda de prensa Cristo Javier Mora, secretario da Federación Española; varios membros da organización do campionato: Manuel Seoane, presidente; José Fernández Teijeiro, secretario; Anxo Antonio Corredoira Brao, tesoureiro; Serafín Docampo Menduiña, vogal; e polo Club Olivo: Camilo Pais, presidente e Julio Mougán, delegado.