O Concello dedicará 5,2 millóns de euros á gratuidade dos libros de texto de Primaria e Secundaria
Abel Caballero anunciou que esta “decisión extraordinaria nun momento excepcional” beneficiará aos 25.850 estudantes vigueses que cursan ensino obrigatorio este curso. Cada alumno recibirá unha achega de 205 euros.
O alcalde avanzou en rolda de prensa que o goberno municipal vai asignar bolsas para a gratuidade dos libros de texto do alumnado da cidade que cursa o ensino obrigatorio, é dicir, Primaria e ESO. “Estamos en tempos moi difíciles, de inflación e ameazas e creo que é momento de poñerse máis ca nunca ao carón das familias”, agora que co inicio do curso escolar tiveron que afrontar o pago de cifras significativas para a compra dos libros de texto. “En Vigo daremos becas para a súa gratuidade”.
A cidade ten neste curso 25.850 estudantes en Primaria e Secundaria. En concreto, hai 15.308 estudantes matriculados en Primaria e 10.542 na ESO, aos que o Concello cubrirá o curso dos libros cunha bolsa de 205 euros para cada alumno. A medida aplicarase con carácter retroactivo.
Tal e como explicou Caballero, o goberno municipal fixo un cálculo aproximado do custo dos libros, que situou en 205 euros de media, a cantidade que recibirá cada familia que solicite a bolsa, cun importe total de 5,2 millóns de euros. “Esperaba que o fixera a Xunta de Galicia”, que “unha vez máis defrauda á cidade” censurou o rexedor.
Respecto aos requisitos para acceder a esta bolsa, o alcalde apuntou que se tratará de simplificar o trámite para axilizar o proceso polo que serán tres esixencias: acreditar a escolarización en Vigo, estar empadroado na cidade e achegar o número de conta bancaria para poder facer o ingreso.
Sobre a tramitación, este luns 19 de setembro comeza o proceso para a aprobación dun crédito extraordinario e, tendo en conta os tempos, “imos tratar de que se poida pagar no mes de decembro acurtando o máximo posible os prazos legais” pero, no caso de que administrativamente non sexa posible, o cargo será aboado ás familias a finais de febreiro ou primeiros do mes de marzo.
Amais da gratuidade dos libros de texto en Primaria e Secundaria este curso, o Concello asume o financiamento das nove escolas municipais de educación infantil que son “totalmente gratis” para a cidadanía.