Escoitar

Vigo, premiado na Semana Española da Mobilidade Sostible polo ascensor Halo

O alcalde agradece o recoñecemento dos Ministerios de Transición Ecolóxica e de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ao traballo da cidade a prol da mobilidade sostible.

venres, 16 set 2022
O alcalde durante a súa intervención na entrega dos premios
O alcalde durante a súa intervención na entrega dos premios

O Concello de Vigo foi elixido gañador dos premios da Semana Española da Mobilidade Sostible (Premios SEMS), na categoría de municipios de máis de 100.000 habitantes pola conexión peonil entre as rúas Serafín Avendaño e Vía Norte a través do proxecto Halo.

O alcalde recolleu o premio por videoconferencia, no marco da xornada virtual “Conectando mellor”, organizada conxuntamente polos Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Abel Caballero agradeceu o recoñecemento dos dous Ministerios “polo estímulo que supón a estas formas de mobilidade sostible, de emisións cero, de uso das enerxías renovables” e que entraña un “cambio revolucionario” na sociedade actual e futura. Na súa intervención, explicou que o Concello proxecta un “ascensor xigantesco” que levanta 50 metros de alto, que se sostén no edificio da estación de alta velocidade e cuxa estrutura ten un diámetro de 100 metros. Servirá para conectar a parte baixa da cidade, onde viven arredor de 40.000 persoas, coa parte alta, na que residen unhas 70.000, que terán unha “mobilidade excepcional”, podendo prescindir do uso dos seus vehículos e mesmo do transporte urbano.

O rexedor lembrou que o ascensor Halo, que usarán “miles de persoas cada día” é unha obra que se financia en parte con fondos Next Generation EU e puxo en valor o programa Vigo Vertical que suma ascensores, ramplas e escaleiras mecánicas para favorecer a mobilidade cidadá.

O alcalde durante a súa intervención na entrega dos premios
Descargar todas as imaxes