Escoitar

O Concello subvenciona con 150.000 euros a contratación en empresas da cidade

A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao outorgamento das axudas municipais á contratación para o ano 2022 co fin de “continuar o proceso de apoio á contratación e de transformación de contratos temporais en indefinidos”.

xoves, 15 set 2022
O rexedor durante a rolda de prensa deste xoves
O rexedor durante a rolda de prensa deste xoves

O alcalde informou en rolda de prensa dos tipos de axudas coas que se subvencionaron 60 contratos en empresas da cidade. O goberno municipal destina 125.000 euros para o programa de incentivos para a transformación de contratos temporais en indefinidos, en virtude do cal “subvencionamos 52 contratos indefinidos en 41 empresas”, dos que 30 foron asinados por mulleres e 22 por homes, que pasaron de ter contratos temporais a indefinidos. Amais, dedica 25.000 euros ao programa de incentivos á contratación co que se realizaron 8 novos contratos para 7 empresas (3 para homes e 5 para mulleres.

Comedores sociais

A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de convenio de colaboración coa Fundación Santa Cruz para o sostemento do seu albergue “Casa Nosa señora da saúde" por un importe de case 229.000 euros nos vindeiros catro anos, a razón de 57.060 euros anuais.

O alcalde suliñou a axuda anual municipal a comedores sociais de 336.000 euros para a Fundación Santa Cruz, Vida Digna, Sal de la Tierra, o Comedor da Esperanza, o Banco de Alimentos, as Misioneiras do Silencio e AFAN amais do comedor do albergue municipal.

Quedou aprobado tamén o convenio coa “Asociación de nenos con hiperactividade e déficit de atención ANHIDA” para o fomento das actividades da entidade por un importe de 2.000 euros. O achega anual do Concello á entidade acada os 4.300 euros, tal e como apuntou o rexedor.

Teléfono 010

A Xunta de Goberno Local autorizou tamén a segunda prórroga do contrato para a prestación do servizo de información cidadá que se realiza a través da 010 por 234.000 euros, un servizo que Abel Caballero cualificou como “de enorme eficacia, cun nivel de utilización elevado e enorme éxito”. O servizo de atención telefónica 010 permite ofrecer información da cidade (tráfico, urxencias, servizos municipais, festas e eventos, lecer e turismo); información de interese xeral (seguridade cidadá, ordenanzas, convocatorias...) e información administrativa (calendario fiscal, impresión de recibos, consultas sobre contribucións...).

Descargar todas as imaxes