Escoitar

As Illas Cíes, escenario durante catro días da terceira edición do Desafío Audiovisual

O alcalde informou do desenvolvemento das residencias creativas do certame nas Cíes, desde este xoves 15 de setembro e ata o domingo, nas que participan cinco proxectos de vídeo e cinco de fotografía.

mércores, 14 set 2022

O III Desafío Audiovisual Illas Cíes inicia este xoves, 15 de setembro, as estancias creativas dos proxectos que participan no concurso aberto ás categorías de fotografía e vídeo, no marco das actividades organizadas polo Concello para a candidatura das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade.

Tal e como expuxo o alcalde, nos catro días de residencia no arquipélago, desde mañá xoves ata o domingo 18 de setembro, os artistas deberán elaborar o seu proxecto sobre as Illas Cíes, convertidas nun gran estudio natural. Despois da estadía terán un mes para realizar a postprodución das súas obras, o xurado seleccionará aos proxectos gañadores e as obras serán expostas na cidade.

O III Desafío Audiovisual Illas Cíes conta cunha porcentaxe de mulleres maioritaria entre os compoñentes dos equipos seleccionados e recibiu, no proceso de selección, 56 candidaturas. Destacou Caballero que “Cíes está collendo un enorme podería como plató de rodaxe e fotografía”, dado o interese crecente por participar no Desafío que na edición anterior recibiu 22 proxectos.

Proxectos fotografía: Anxo Torres: Illas de Luz; Sofía Solveira: Ao detalle; Benjamín Vine: Case como estar aí; Susana Álvarez: As nosas illas e Francisco Javier Barcia: Interconexións. Os proxectos de vídeo son: Miguel Lage: A canción do mar; Paula Pereira: Despois de ti; Natalia Porca: A primeira visita; Sala Lemniai: Quedaránnos as Cíes e María Crespo: Conversa nas illas.

Descargar todas as imaxes