Escoitar

A cidade debaterá sobre o deporte como ferramenta para reducir a desigualdade

Abel Caballero e Carmela Silva presentaron este martes a xornada, que se celebra o vindeiro 21 de setembro, no marco da Axenda 2030, e que organizan a Deputación de Pontevedra, a FEMP -a través da Rede Axenda 2030 e a Comisión Obxectivos de Desenvolvemento Sostible- e o Concello Superior de Deportes.

martes, 13 set 2022
O alcalde e Carmela Silva durante a presentación da xornada
O alcalde e Carmela Silva durante a presentación da xornada

O auditorio Mar de Vigo acollerá o vindeiro mércores, día 21, a xornada na que se analizará a importancia do deporte para a redución da desigualdade no marco da Axenda 2030, unha iniciativa impulsada desde a FEMP a través da Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030 e da Comisión de ODS, e organizada coa colaboración da Deputación de Pontevedra, o Concello de Vigo e o Consello Superior de Deportes.

O presidente da FEMP e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentaron o evento esta mañá no pavillón de Balaídos, poñendo de relevo a importancia que ten para o municipio a práctica do deporte de base e o seu papel na consecución de varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en especial o relativo á igualdade e a integración.

Na súa intervención, Carmela Silva, membro do Consello de Goberno da Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030, detallou os contidos da xornada, en cuxa inauguración vai participar xunto ao presidente da FEMP e ao do Consello Superior de Deportes, José Manuel Franco. Segundo explicou, na xornada exporanse experiencias municipais do deporte no marco da Axenda 2030, abordarase a cogobernanza entre administracións para avanzar no cumprimento dos ODS a través do deporte e analizarase o deporte local como instrumento de redución da desigualdade.

A xornada pecharase cun debate sobre as alianzas no avance dos ODS no deporte. Os participantes en mesas e debates son os alcaldes e alcaldesas coas máis altas responsabilidades no ámbito das áreas de deporte e ODS-Axenda 2030 da FEMP, expertos do mundo das asociacións deportivas e representantes de organizacións comprometidas coa integración de diversos colectivos.

Para o alcalde “o deporte forma parte central da acción da cidade”, que cualificou como “a capital do deporte de Galicia” e manifestou que no contexto de España, e na nova forma de entender os ODS, é importante destacar o deporte á hora de entender a acción municipal.

O alcalde e Carmela Silva durante a presentación da xornada
Descargar todas as imaxes