Escoitar

O alcalde aborda con Conxemar a celebración da próxima feira en Vigo

Abel Caballero mantivo este luns un encontro con Eloy García, o novo presidente, a quen felicitou pola elección no seu cargo; e coa nova directora xeral, Yobana Bermúdez, tralo que anunciou que a vindeira semana convocará un encontro coa participación de Conxemar e do sector hoteleiro da cidade.

luns, 18 xul 2022

“Conxemar é unha institución central na cidade de Vigo; unha feira de importancia tan recoñecida que non é preciso salientar”, expuxo o rexedor na rolda de prensa posterior ao encontro na que resumiu as tres principais cuestións que abordaron.

En primeiro lugar, Abel Caballero confirmou que a nova dirección de Conxemar lle trasladou a vontade de recuperar as axudas de ata 100.000 euros que recibía a feira a través do plan de emprego municipal ante o que o “Concello ten toda a disposición” para outorgalas.

En segundo lugar, o alcalde apoia á dirección da feira na súa petición ás forzas de seguridade para garantir a fluidez no acceso ao recinto nos días de celebración de Conxemar, especialmente nas horas punta, ante o que reclamou á Xunta de Galicia, que ten a maioría no consello do IFEVI, “investimentos de urxencia, é preciso adaptar accesos peonís e pintar todos os aparcamentos”.

Por último, Eloy García e Yobana Bermúdez comunicaron a súa “inquedanza” polo feito de que o pavillón 5 non estea aínda entregado e finalizado para a feira deste 2022. Nós “entregamos gratuitamente o solo para a feira de mostras ó Ifevi e case un ano despois non acabaron aínda a obra”, censurou Caballero.

Amais, adiantou o rexedor que a vindeira semana convocará unha xuntanza con Conxemar e o sector hoteleiro da cidade para abordar o funcionamento durante os días de celebración da feira: “temos que ter posición política de conservar a galiña dos ovos de ouro, non danar a Conxemar”, que “ten que ser moi competitiva nos seguintes 25 anos, que o conxunto da cidade coopere porque a feira deixa recursos na cidade o sector ten que cooperar”.

 

Descargar todas as imaxes