Escoitar

Caballero e Reigosa avanzan na cooperación entre a cidade e a Universidade

O alcalde e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, avanzaron na cesión do edificio Siemens da ETEA para establecer o futuro Campus do Mar. Caballero comprometeuse a seguir financiando o transporte urbano ata as Lagoas-Marcosende e ofreceu o Auditorio Mar de Vigo para a celebración de eventos relacionados coa Universidade.

mércores, 13 xul 2022

Abel Caballero e Manuel Reigosa mantiveron unha xuntanza na mañá deste mércores para avanzar na cooperación entre a cidade e a Universidade de Vigo. O alcalde di ter “unha atención preferente e continuada”, como por exemplo “co investimento dun millón de euros no transporte urbano entre o campus”.

O alcalde e reitor avanzaron na cesión do edificio Siemens da ETEA á institución educativa para ser parte do futuro Campus do Mar: “Proximamente teremos tamén unha reunión co Delegado Especial da Zona Franca de Vigo para falar dabondo desta cuestión”, avanzou.

Caballero tamén ofreceu á Universidade o Auditorio Mar de Vigo para a realización de eventos: “Pagarémolo nós. Está a dispor da Universidade. Como alcalde quero estar ao lado da Universidade, e a cidade tamén”.

Na xuntanza tamén participaron a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e o edil Abel Losada.

Descargar todas as imaxes