Escoitar

O goberno municipal inicia a preparación do próximo Nadal 2022-2023

O alcalde explicou este mércores a necesidade de actuar “con moita antelación” para programar as festas navideñas na cidade, polo que a Xunta de Goberno Local aprobará as primeiras tramitacións na próxima sesión.

mércores, 13 xul 2022
O alcalde e o concelleiro Ángel Rivas, no carrusel da Porta do Sol no Nadal de 2021
O alcalde e o concelleiro Ángel Rivas, no carrusel da Porta do Sol no Nadal de 2021

“O Nadal faise todo o ano”, sinalou Abel Caballero en rolda de prensa ao informar da aprobación na Xunta de Goberno de mañá xoves da contratación da ornamentación e instalación de elementos figurativos lumínicos e da programación do Nadal.

“O Nadal programámolo e facemos contratacións a tres anos vista” engadiu o rexedor censurando a improvisación na organización do Nadal de Vigo: “require previsión; non hai que improvisalo e actuamos con moita antelación”. Ademais, puxo en valor a repercusión do Nadal na cidade: “é probablemente a acción que produce máis retorno para a cidade por euro investido, de todas as actuacións municipais de todos os concellos do mundo”.

A Xunta de Goberno aprobará mañá xoves a contratación por procedemento aberto de ornamentación e instalación de elementos figurativos lumínicos de Nadal de 2022/23, 2023/24 e 2024/25 por un importe de 1.875.802 euros. Inclúe 3 lotes: o primeiro, conformado polos set-instalacións de elementos figurativos en 3D, tapetes, arborado, como a Casa Papa Nöel ou o boneco; o segundo lote incorporaría os set-instalacións decorativas lumínicas de gran porte e transitables representando motivos do Nadal como a Caixa de agasallo de Gran Vía e o terceiro lote, os set-instalacións decorativas lumínicas non transitables polo público no seu interior como os Xardíns, o Oso de Nadal ou as árbores led.

Ademais, a Xunta dará luz verde á Programación do Nadal 2022-2023, que se celebrará desde novembro a xaneiro de 2023, que prorroga actividades do ano pasado e incorpora novos espazos temáticos ambientados con iluminación decorativa, ornamental, exposicións e actividades de lecer e comerciais, que son “un piar fundamental do Nadal de Vigo”.

O alcalde deu conta dos cinco que se inclúen na programación e que sairán publicados no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra para a súa licitación:

1. Mercado de Nadal “Cíes Market”, na Praza Compostela, Areal e Colón, que incorpora casetas de artesanía, servizos de restauración e hostalería, noria xigante, unha rampla de xeo ou montaña de raíl con vagóns deslizantes, un tren turístico, atraccións, iluminación e decoración.

2. Mercado de Nadal do Calvario con casetas de artesanía, produtos de Nadal e restauración, iluminación e atraccións.

3. Espazos con atraccións recreativas e espectáculos como o Carrusel clásico (Porta Sol), as atraccións de Rosalía de Castro, a Pista de xeo (Samil), a Pista de Karts (Samil), parques inflables (Coia), os trens turísticos ou o Circo de Nadal de Coia.

4. Novos espazos ao aire libre con actividades recreativas en Praza Independencia e Praza do Progreso; en Teis a Praza do mercado e/ou rúa Irmáns Misioneiros; en Bouzas a Praza Eduardo Cabello e/o Alameda Suárez Llanos; na Praza do Berbés, en Navia nos espazos interiores de Teixugueiras, na Explanada do Náutico e na Praza de Portugal

5. Outros espectáculos culturais e actividades de animación sociocultural para dinamizar o Nadal

 

Descargar todas as imaxes