Escoitar

Abel Caballero avanza que este ano “O Marisquiño será mellor ca nunca”

O alcalde e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, asinaron este xoves con Carlos Domínguez “Pity”, organizador do festival, o convenio de colaboración para a edición deste ano que acada os 600.000 euros.

xoves, 7 xul 2022
Caballero, Carmela Silva e Carlos Domíngues "Pity" logo da sinatura do convenio
Caballero, Carmela Silva e Carlos Domíngues "Pity" logo da sinatura do convenio

O Concello de Vigo achega 420.000 euros e a Deputación 180.000 euros para o desenvolvemento do Marisquiño que se celebrará os días 12, 13 e 14 de agosto na cidade.

Caballero adiantou que “vai ser excepcional, o mellor que se fixo nunca ao formar parte dunha nova etapa, iniciando o Marisquiño 6.0; estamos buscando o tope onde se pode chegar”, sinalou, poñendo en valor a organización “unha máquina de ideas”, cun proxecto que se renova cada ano, ocupando máis espazos na cidade. “Queremos que siga agrandando a súa marca porque sabemos que chega a todo o mundo e temos o grande orgullo de que vaia ser o mellor que houbo nunca na historia”, augurando que terá “aínda máis presenza en toda Europa e no mundo”.

Nesta liña, Carmela Silva declarou que “O Marisquiño xa é unha gran referencia da cultura urbana no mundo. Vigo énchese de vida e felicidade con visitantes de todo o Estado e do mundo. A Deputación de Pontevedra síntese orgullosa de formar parte del e apoiarémolo para que siga crecendo aínda máis”.

“O Marisquiño 2022” está chamada a ser a de consolidación e crecemento do festival na cidade trala pandemia. As competicións esténdense pola cidade coa celebración no aparcamento de Samil da proba mundial de Skate, ou a proba mundial de Basket 3X3 campionato FIBA en Vialia e o descenso Urbano desde o Castro. Carlos Domínguez “Pity” explicou que a organización segue coa estratexia de conseguir no 2025 un liderado internacional a través das modalidades e valores presentes no Marisquiño e poñendo a cidade no mapa a través do deporte e cultura urbana".

 

Caballero, Carmela Silva e Carlos Domíngues "Pity" logo da sinatura do convenio
Descargar todas as imaxes