Escoitar

Preparativos para a celebración do Día de Galicia

O alcalde, Ventura Pérez Mariño, presentou o acto protocolario para a tradicional celebración do Día de Galicia no parque de Castrelos. Como novidade, este ano serán os voceiros dos grupos municipais os que lles darán a benvida aos convidados.

venres, 18 xul 2003
O bando oficial será redactado polo intelectual Isaac Díaz Pardo e o acto contará cunha posta en escena que combina elegancia e modernidade coa hsitoria e a tradición, mediante ambientación musical e instalacións plásticas con exaltación de textos da literatura galega.

Biografía de Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo naceu en 1920 na casa da Tumbona da compostelá Rúa das Hortas. Frecuentou desde moi neno o taller do seu pai, Camilo Díaz Baliño, escenógrafo, pintor, e cartelista, no que se celebraban reunións moi na órbita das Irmandades da Fala, das que o pai de Isaac era membro activo.

Os sucesos da guerra civil española acabaron coa vida de Díaz Baliño, xusto cando Isaac cursaba os estudios de bacharelato e proxectaba acceder á Escola de Arquitectura. Sen embargo, a realidade daqueles sucesos levárano nun primeiro momento a ter que agacharse na casa do seu tío Indalecio para salvar a vida e, despois, a traballar como rotulista nunha industria coruñesa de pintura industrial.

Terminada a guerra, Isaac ingresou na Escola de Belas Artes de San Fernando e en 1941 participou na primeira experiencia que se facía en España sobre deseño industrial, dirixida por Sainz de Tejada e na que participaban cinco alumnos de Arquitectura e outros cinco de San Fernando. Rematados os estudios de Belas Artes, en 1942 a obtención da beca Conde de Cartagena permitiulle realizar unha viaxe de estudios e mostrar o seu talento artístico en Roma, Florencia e Siena. Pouco despois cubriu unha praza de profesor auxiliar de Debuxo na Escola Superior de Belas Artes de San Jordi de Barcelona e realizou diversas exposicións en Madrid, Barcelona, Londres, Vigo, Bos Aires...

No 1948 abandonou a dedicación ás artes plásticas e comezou a súa obra de ceramista montando unha planta industrial no Castro de Samoedo, preto de Sada, na que, ensaiando materias primas utilizadas no antigo Sargadelos, produciu unha porcelana de moi boa calidade.

No ano 1955 viaxou por primeira vez a Arxentina, onde iniciou outra experiencia industrial de cerámica, a da Magdalena, a 108 kms. de Bos Aires, e onde con Luís Seoane e o apoio dos intelectuais galegos alí exiliados, constituíu o Laboratorio de Formas, que proxectou a creación dunha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia, convertidas logo en realidade, como a restauración do complexo de Sargadelos e o seu Seminario de investigación, o Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro, Seminario de Estudos Galegos, Laboratorio de Industria e Comunicación, Instituto Galego de Información...

Díaz Pardo tamén cultivou o ensaio e a crítica, producción entre a que habería que subliñar os libros: Xente do meu Rueiro, Bos Aires, 1954; Midas. O ángulo de pedra, Bos Aires, 1956; El ceramista Arranz y su escuela, A Coruña, 1960; Galicia Hoy, en colaboración con Luís Seoane, París, 1965; Paco Pixiñas, en colaboración con Celso Emilio Ferreiro, cartel de cego, A Coruña, 1970; A Nave Espacial, cartel de cego, A Coruña, 1970; El Marqués de Sargadelos, cartel de cego, A Coruña, 1970; Castelao, cartel de cego, A Coruña, 1985; Galicia hoy y el resto del mundo, A Coruña, 1987, ademais de diversos traballos xornalísticos, principalmente de historia contemporánea.

Por tan dilatada traxectoria recibiu moitas distincións e recoñecementos, entre os que destacan: o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988), o Premio Otero Pedrayo das Deputacións Provinciais (1990), a Insignia de Ouro (1991), o Doutor Honoris Causa (1992) pola Universidade de Santiago de Compostela, o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1993), a Vieira de Prata do Padroado da Cultura Galega de Montevideo (1995), o Premio Jiménez de Asúa de Derechos y Libertades (1999), o XLI Premio Fernández Latorre (1999), o Premio Arquitecto Honorífico polo Colexio de Arquitectos de Galicia (2001), o Premio Ramón Piñeiro de Láncara (2002) ou o Premio das Letras e das Artes de Galicia (2003).